XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno adxudica as obras de pavimentación da rúa das Baleixas, en Marrozos

05/08/2024 A concelleira Míriam Louzao deu conta hoxe en rolda de prensa dos asuntos tratados na Xunta de Goberno, entre os que salientou a adxudicación do contrato para as obras de pavimentación da rúa das Baleixas, en Marrozos, así como a concesión de 8 licenzas de obra.

Na primeira sesión ordinaria de agosto, a Xunta de Goberno acordou adxudicar a obra de pavimentación da rúa das Baleixas (Marrozos), incluída no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (plan único de concellos) POS+ 2023, a OBRAS Y VIALES DE GALICIA, S.L, que presentou unha proposición económica de 46.220 euros (base impoñible de 38.198,35 € máis IVE do 21% de 8.021,65 €).

As obras a realizar, que contan cun prazo de execución de dous meses, consisten, en primeiro lugar, na limpeza e acondicionamento da marxe do viario. Tras isto, procederase ao saneamento das zonas deterioradas mediante a aplicación de macádam e un tratamento semiprofundo. Finalmente realizarase un triple tratamento superficial no ramal principal e un dobre tratamento superficial nos ramais secundarios.

O executivo municipal tamén concedeu 8 licenzas: 2 de rehabilitación de edificios, 1 de reforma, 3 de demolición e 2 de parcelamento. Tamén no ámbito urbanístico, neste caso relativo a Patrimonio, autorizouse a transmisión dunha parcela no SUNP-12 de Lamas de Abade a ‘Compostela 2024, Sociedade Cooperativa Galega’ para a construción de vivenda protexida.

Así mesmo, aprobáronse os prezos públicos e os reducidos nas actividades regulares e estables da rede de centros socioculturais do curso 2024-2025 e deuse conta da programación nos distintos centros, que será presentada en vindeiras datas polo concelleiro Xan Duro. Tamén se acordou adscribir a Casa das Máquinas á concellería de Centros Socioculturais para o seu uso.

No que se refire a convenios, a Xunta de Goberno tomou nota da sinatura de varios deles no ámbito da cultura: coa Agrupación cultural O Galo, por 5.000 euros; co Ateneo de Santiago, 20.000 euros; coa Asociación do conservatorio de música tradicional e folque de Lalín, 20.000 euros; coa Asociación cultural Cidade Vella, 20.000 euros; cos Cursos universitarios e internacionais de Música en Compostela, 5.000; e con Performa Sociedade Cooperativa Galega, 25.000 euros. Tamén se deu conta dos convenios asinados coa Federación Galega de Baloncesto (28.000 euros) e coa Asociación Banco de Alimentos de Santiago de pola contía de 5.000 euros.

A concelleira tamén se referiu á adxudicación dun contrato de préstamo por importe de 9 millóns de euros á entidade Kutxabank e ao acordo para que o Concello se persoe como prexudicado nas dilixencias previas-proc. abreviado 563/2023 seguidas no Xulgado de Instrución nº1 de Santiago.

Documentos relacionados



Compartir: