ALCALDÍA

Goretti Sanmartín, na sinatura do Clínico: "Hoxe avanzamos na resolución dunha importante preocupación para Compostela e a súa área"

02/08/2024 A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, asinou hoxe o protocolo de colaboración coa Xunta polo que se establecen as bases para a ordenación da contorna e a mellora da accesibilidade ao Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela. Na súa intervención, reivindicou a relevancia desta sinatura, que permite avanzar na resolución dunha das preocupacións da veciñanza compostelá e a súa área e agarda que sexa "un punto de partida" para acadar máis acordos e colaboración institucional.

Na sinatura do acordo, por parte da Xunta, participaron as tres consellerías implicadas. Concretamente, subscribiu este protocolo o conselleiro de Sanidade e presidente do Sergas, Antonio Gómez Caamaño, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez Mejuto. No acto, acompañaron a Sanmartín a primeira tenente de alcaldesa, María Rozas, e o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás.
O protocolo asinado hoxe inclúe a construción dun aparcadoiro, en altura e soterrrado, e a mellora da calidade urbana da contorna do complexo hospitalario dentro do perímetro dun plan de interese autonómico (PIA) que será acordado entre ambas as administracións.
Mediante a sinatura deste convenio, a Xunta comprométese a financiar o 100% do custo dos contratos de servizo e o 90% do custo da expropiación de terreos e da execución das obras derivadas do protocolo. A concreción do financiamento definirase en convenios específicos.
Goretti Sanmartín subliñou que, en todo caso, antes da aprobación final dese plan de interese autonómico é tambén urxente avanzar no aparcamento, que se situará dentro da parcela do hospital, e no acceso da Volta do Castro. "O aparcadoiro é unha actuación absolutamente prioritaria para contar, canto antes, con prazas imprescindibles para o estacionamento", enfatizou Sanmartín.
A alcaldesa de Santiago defendeu a necesidade desta infraestrutura que non só o é para a veciñanza compostelá, senón que vai ser beneficiosa para toda a área sanitaria, na que Santiago representa o 22% da poboación dos 46 concellos que a integran e que dá servizo a uns 450.000 habitantes, ademais de ao propio persoal sanitario.
Este acordo permitirá dotar dunhas mil prazas de aparcamento a contorna do CHUS, onde ambas as dúas administracións detectaron nos seus respectivos estudos de mobilidade a problemática de fluxos de circulación e de falta de prazas de estacionamento na área na que se sitúa o complexo hospitalario.

O Concello de Santiago, pola súa banda, comprométese no acordo a reoller na ordenanza fiscal correspondente a exención do pagamento do IBI para o Hospital Clínico e o futuro Centro de Protonterapia que se constrúe ao carón unha vez rematen as obras dese centro e as de ampliación do hospital.
A este respecto, Goretti Sanmartín destacou, dunha banda, que este "esforzo" do Concello paga a pena porque estamos a falar da dotación dun aparcadoiro que vai facilitar a mobilidadade e, polo tanto, vai "resolver un grave problema e mellorar a calidade de vida das persoas usuarias".
Sanmartín defendeu que o goberno se debe ao conxunto da veciñanza e por iso fomos quen de dialogar e de achegar posturas para conseguir un acordo no que ambas as partes "tivemos que ceder en favor do ben superior": a resolución a un problema, na que hoxe poñemos "a primeira rúbrica e que continuará coa sinatura dos convenios específicos correspondentes".
Puxo como exemplo deste diálogo a depuradora da Silvouta, na que "as administracións foron da man" e dixo e subliñou que está segura de que este mesmo espíritu de diálogo "permitirá afrontar os retos que temos por diante: a capitalidade, o equilibrio do impacto turístico, o impulso industrial ou a dotación de servizos".
MELLORAS PARA O RURAL
Na súa intervención, a alcaldesa destacou que este convenio inclúe tamén melloras para o rural compostelán, históricamente desfavorecido. Así, Augas de Galicia comprométese a cofinanciar actuacións de abastecemento no rural nun 70% para cada un dos proxectos que se acorden promover con un orzamento de 3,5 millóns de euros.
Neste sentido, Goretti Sanmartín defendeu o compromiso do goberno local co rural, ao tempo que destacou que este protocolo de colaboración vai más alá da construción dun aparcadoiro e supón tamén a consecución de melloras para a toda a veciñanza compostelá que compensen o esforzo que supón o acordo.
A rexedora compostelá destacou a importancia do "diálogo" para lograr desbloquear unha cuestión "crucial" para a capital galega e defendeu o achegamento de posturas no marco da negociación entre ambas as partes. "Para que a veciñanza gañe, as dúas partes tivemos que ceder", defendeu e reivindicou como capacidade de diálogo entre administracións.
Ao fío, agardou que esta colaboración sexa un punto de partida para avanzar en máis acordos coa Xunta, una administración coa que o Concello de Santiago comparte retos de futuro e para os que setembro volverá ser unha data clave.

Compartir: