EMPREGO

O alumnado do obradoiro de emprego Appventurers desenvolve unha app de realidade aumentada no Museo do Pobo Galego

01/08/2024 Explorar virtualmente o Museo do Pobo Galego, e facelo ademais da man de dúas figuras como Rosalía de Castro e Castelao, é posible desde hoxe grazas á app deseñada e desenvolvida polo alumnado do obradoiro de emprego Appventurers. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou hoxe a aplicación, que "pensada para outorgarlle valor engadido á visita ao espazo expositivo". Na rolda de prensa tamén participou o director do Museo, Manuel Vilar, o seu sucesor, Lois Ladra, e dous dos partipantes no obradoiro.

María Rozas explicou que PoboAR é unha aplicación de realidade aumentada, que procura facer a visita ao Museo do Pobo Galego "máis educativa e inmersiva". Para utilizala é preciso descargar a app móbil, dispoñible para Android, e escanear os pictogramas que xa están instalados nas diferentes salas do museo. En cada unha delas, a aplicación fará aparecer a Rosalía de Castro ou a Castelao, que serán os encargados de explicar diferentes cuestións de cada un dos espazos expositivos. Para mellorar a experiencia, recoméndase o uso de auriculares, e a app está dispoñible en galego, castelán, francés e inglés.

Obradoiro de emprego Appventurers

A app PoboAR foi creada polo alumnado do Obradoiro de emprego Appventurers do Concello de Santiago, no que participan 16 mozos e mozas menores de 30 anos que reciben formación nas especialidades de desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web e desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos. O programa combina a formación co traballo, de maneira que o alumnado recibe formación ao tempo que está contratado para realizar un traballo real. Ademais da aplicación móbil de realidade aumentada sobre o Museo do Pobo Galego, estase a traballar en apps similares sobre a praza de Abastos e a senda peonil do Sar.

Appventurers é un programa de emprego destinado a persoas mozas incluídas no ficheiro do sistema nacional de garantía xuvenil, cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus 2021-2027 ao 60%. O programa conta cun orzamento de 424.836,96 euros.

Direcciones relacionadas



Compartir: