CAPITAL CULTURAL

O Festival C enche o agosto compostelán de actividades para todos os públicos

29/07/2024 Danza, poesía, cinema, música, monicreques, contos, circo e performances nunha trintena de propostas de balde que se espallan pola cidade

A concelleira de Capital Cultural Míriam Louzao e o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López presentaron esta mañá en rolda de prensa o programa cultural do mes de agosto en Compostela. A quinta edición do Festival C levará ás prazas, parques e rúas da cidade un regueiro de propostas de balde e para todos os públicos do 5 ao 29 de agosto. Danza, poesía, cinema, música, monicreques, contos, circo e performances, da man de compañías e artistas galegas e visitantes para encher de creatividade as tardes do verán.

A concelleira animou a cidadanía a gozar deste festival que escolle como escenarios diversos espazos singulares de Compostela como a Alameda, a praza da Quintana ou o parque de Bonaval para desenvolver un amplo abano de expresións artísticas que, en palabras de Xaquín López, concede especial atención a "actividades máis ás marxes que permiten un diálogo frutífero coa arquitectura, paisaxe e a xeografía humana da cidade".

Obradoiros e espectáculos de circo

O circo será unha das artes protagonistas da programación. Entre o 5 ao 28 de agosto, Circonove impartirá oito obradoiros circenses para a rapazada de entre 6 anos e 12 anos de idade e outros dous para nenas e nenos de 3 a 5 anos. Desenvolveranse os luns, mércores e venres das 11.30 ás 13.30 horas e terán como punto de encontro a Casa das Máquinas. Unha vez reunido o grupo e recollidos os materiais neste novo espazo aberto á cidadanía, a comitiva circense desprazarase ao parque de Galeras para pór en práctica acrobacias, malabares, equilibrios, danza, clown, teatro, ritmo e xogos, en sesións sempre adaptadas ao nivel e momento de cada participante e co fin de que a cativada poida descubrir de primeira man o mundo do Novo Circo. En caso de choiva, o obradoiro farase a cuberto na propia Casa das Máquinas. Cada grupo está limitado a 25 participantes, que poderán inscribirse mediante mensaxe ao enderezo circonoveoficina@gmail.com. Cómpre indicar no texto o nome completo e a idade da/o participante e os datos e teléfono do contacto da persoa adulta ao seu cargo.

Ademais, a programación propón tres espectáculos de circo para as tardes dos xoves na praza da Quintana. A compañía Proyecto Kavauri abre a axenda o día 8 ás 20 horas con Lullaby, unha proposta na que o dúo de acróbatas protagonistas se ve na obriga de conciliar saltos mortais e piruetas co reto de ser nai e pai por primeira vez. O xoves 22, tamén ás 20 horas, chegará a quenda da compañía Colokolo e o seu espectáculo Chouf le ciel, co que amosarán en Compostela os números de báscula, acrobacias e saltos que os converteron na primeira compañía de circo de Marrocos. Finalmente, o xoves 29 ás 20 horas, a compañía Pistacatro fará súa a Quintana con Latexo, unha produción en clave de clown que xoga co ritmo, o impulso e o bater do corazón. Todas as funcións son de balde e con acceso libre.

Contos e monicreques para as tardes en familia

Nas tardes dos martes, o parque de Bonaval dará acubillo aos Contos no parque do Programa Apego, unha proposta do departamento de Lingua do Concello de Santiago dirixida ao público máis miúdo. A partir das 18 horas, a zona dos arcos virará en plataforma para ler e imaxinar en compañía da man de propostas diversas: A tropa de trapo e o seu Barquiño de pau, o martes 6; Magín Blanco con Cadernos de cores e cancións, o martes 13; Inventi Teatro con As palabras perdidas, o martes día 20; e Títeres Alakrán co seu Circo Galaico, o martes 27 de agosto serán os protagonistas destas sesións.

En paralelo, o martes 6 e o mércores 7, Os Monicreques de Kukas asentaranse no paseo da Ferradura da Alameda (ao carón da estatua de Federico García Lorca) para ofrecer a veciñanza e visitantes unha tarde en familia. Con Gernika e S.O.S. Emerxencia Ambiental, dúas pezas pertencentes á modalidade de teatro coñecida como Tutilimundi, representarán escenas con figuras e decorados animados dentro dunha caixa para atraer a atención cara a cuestións sociais ben actuais. Cada un dos espectáculos ten unha duración aproximada de 5 minutos e iranse sucedendo en varias funcións ambos os días entre as 18 e as 20 horas.

A asistencia ás sesión de contos e ás representacións con monicreques é libre sen necesidade de reserva.

Danza, poesía e performance

A quinta edición do Festival C garda día e lugar destacados para a danza e as artes performativas nos parques da cidade. A compañía VacaBurra abre o calendario o luns 5 ás 20 horas no cemiterio de Bonaval con Ruar, un convite a deambular sen obxectivo e deixar que sexa o corpo quen propoña o percorrido. O mércores 7 de agosto, co mesmo horario e lugar, o Colectivo RPM e o artista Aleksandar Georgiev presentan Fantastic Futures (A Beginning), unha creación resultado do laboratorio de danza que se desenvolve do 31 de xullo ao 7 de agosto na Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia arredor do universo artístico deste bailarín e coreógrafo de sona internacional. Dous dos espectáculos de danza programados chegan á cidade no marco do circuíto Danza á Escena do Instituto Nacional das Artes e da Música (INAEM). O primeiro deles é Otempodiz, unha peza da compañía guipuscoana Ertza que se presentará tamén en Bonaval o luns 12 ás 20 horas. O segundo é Meohadim Outdoor, da compañía Jacob Gómez que tomará o relevo unha semana despois, o luns 19 no mesmo lugar e co mesmo horario. A compañía La Guajira pecha este foco centrado na danza con Minguantes, un espectáculo que afonda no universo temporal de dúas persoas que envellecen e presenta o corpo como máquina motora insubstituíble. Será o luns 26 ás 20 horas no mesmo espazo.

As propostas poéticas e performativas do Festival C concéntranse nos mércores. O día 14, ás 20 horas, Benxamín Otero e Melania Cruz presentan no paseo da Ferradura da Alameda Antoloxía dos lugares da luz, unha proposta lírica e musical a partir dos textos de Virginia Woolf, Lorca, Tanizaki, Celso Fernández Sanmartín e Dores Tembrás, entre outros. O día 21 ás 20 horas, Funboa Escénica leva ao cemiterio do parque de Bonaval Sinte, un proxecto creado, dirixido e interpretado por Cristina Balboa coa música como catalizador, a palabra como xogo e o baile como liberación. O mércores 28 tamén ás 20 horas chegará a quenda de Kennebec con Todos os días, unha performance musical que mestura música electrónica con textos poéticos. De novo no paseo da Ferradura, Mónica de Nut e Iria Pinheiro unen as súas traxectorias artísticas para experimentar novas músicas e formas inusuais de traballar a palabra e coas que reflectir o seu sentir como artistas, mulleres e nais que viven no rural.

Noites de cinema ao aire libre

As noites do Festival C vístense de cinema. O martes 13, o parque de Bonaval acollerá a proxección de Buscando a Santa Compaña, un documental dirixido en 2024 por Fernando Cortizo. Para a presentación, o festival contará coa presenza do director e doutros integrantes do equipo do filme. As sesións de cinema ao aire libre de NUMAX completan a axenda de proxeccións. Na gran pantalla instalada na rúa Concepción Arenal que dá acceso á sala de cinema, o público de Compostela poderá redescubrir dous grandes clásicos: A muller pantera de Jacques Tourneur o martes 27 de agosto e Imitación á vida, de Douglas Sirk o mércores 28. En ambos os casos a proxección comeza ás 21.00 horas e a asistencia é de balde.

Información actualizada na web e redes de Compostela Cultura

A información ao detalle de todas as actividades que conforman o Festival C está dispoñible na web compostelacultura.gal. O cambios que puidesen producirse por mor de calquera incidencia ou por causas meteorolóxicas serán anunciados nesa web e nas redes sociais de Compostela Cultura.

Direcciones relacionadas



Compartir: