ALCALDÍA

Bando do alcaldesa con motivo do 25 de xullo

25/07/2024 A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, publica hoxe un bando con motivo do 25 de xullo, Día do Apóstolo, un "día de reivindicación e día de reafirmación identitaria como compostelás e como composteláns, mais tamén como galegas e como galegos" no que "compartimos e festexamos o feito de estar, vivir, traballar, sentir e medrar xuntas por e para Compostela".

O 25 de xullo é día de festa grande. Unha data e unha festa que transcenden os límites do propio Concello de Santiago de Compostela e que dan conta da súa condición de capital, de espazo emblemático de encontro, de referente universal e de lugar de destino e de acougo. Mais a nosa querida Compostela non deixa de ser, alén de todo isto, o noso fogar, o de toda a veciñanza compostelá, o das persoas que temos a fortuna de habitar nun lugar excepcional que é centro dunha cultura milenaria.

O 25 de xullo é o Día Nacional de Galicia, o día da Ofrenda ao Apóstolo Santiago, día de festa, día de reivindicación e día de reafirmación identitaria como compostelás e como composteláns, mais tamén como galegas e como galegos. Neste día compartimos e festexamos o feito de estar, vivir, traballar, sentir e medrar xuntas por e para Compostela. Esta é a celebración da comunidade, dos soños e dos logros compartidos, eses que fan que a estrela de Santiago siga alumeando para nós e para o resto do mundo.

Desde este balcón privilexiado da Casa do Concello quero sumar aos vosos o meu desexo e o meu esforzo, e os de toda a Corporación, para que Compostela siga mantendo esa dupla identidade de cidade aberta e acolledora para quen nos visita e de espazo familiar e habitable para a veciñanza.

Ao longo do ano atopámonos nas rúas, nos barrios e nas aldeas de Santiago, recoñecémonos, compartimos as nosas preocupacións e contribuímos desde os nosos postos a manter e a mellorar a vida da nosa comunidade. Con espírito hospitaleiro acollemos tamén millerios de persoas que nos visitan, ofrecéndolles o mellor de nós. Está na nosa esencia manter vivos os lazos da convivencia e o orgullo do propio nun espazo que compartimos co mundo. É un equilibrio difícil que precisa de todos e de todas e que se beneficia especialmente da achega de persoas boas e xenerosas como as que homenaxeamos nesta data, recoñecéndoas na Alba de Compostela.

Co tanxer irrepetible das campás anúnciase o día de festa. É un son familiar que sabemos entender, un máis dos sinais da nosa identidade comunitaria. Hoxe repenican para que celebremos, con agradecemento a quen está a traballar para facela posible, unha festa na que amosarmos o mellor de nós.

Compartir: