ECONOMÍA E FACENDA

O Concello de Santiago pagou máis de 22 millóns de euros en facturas no primeiro semestre do ano

12/07/2024 O concelleiro de Facenda, Manuel César Vila, fixo este venres balance do primeiro semestre orzamentario no que vai de ano. En primeiro lugar, lembrou que este goberno conseguiu pechar un acordo con PSdeG-PSOE para sacar as contas do ano 2024, despois dun exercicio, o de 2023, no que as contas estaba prorrogadas. Sobre este pacto, volveu agradecer aos socialistas a altura de miras para sacar adiante unas contas que teñen como obxectivo mellorar a calidade de vida da veciñanza.

Na súa intervención, explicou que, no que vai de ano, o Concello pagou 22.065.406,21 euros en facturas. No mesmo período de 2023, pagáranse 12.600.099,85 millóns de euros, case dez millóns de euros menos do que leva pagado este Goberno, co cal aínda que a débeda se incrementara este ano no primeiro tramo, "vaise reducir" ao finalizar 2024.

César Vila destacou, asemade, o esforzo investidor, o cal, en todo caso, aspira a poder levar a porto os proxectos para mellorar a vida da veciñanza, eixo tractor deste goberno. Nesta liña, indicou que, no capítulo VI (6), o que se coñece como de investimentos reais, lévanse executados 2.684.834,53 euros. "Non nos conformamos cos datos, a nosa pretensión é melloralo", dixo, tras o que mencionou de novo o impulso dos centros xestores.

En 2023, se ben a estas alturas do ano a cifra era maior (3.821.752,98), cómpre destacar que no resto (máis de 6 millóns de euros) que se executou ata final do ano 2023 xa tivo participación este goberno, que tomou posesión o 17 de xuño.

Entre as cifras que achegou, o concelleiro de Facenda sinalou que o grao de execución total (dos nove capítulos) ascende ao 21,55%, similar ao de 2023, do 24,78%, e na liña da última década. Tamén explicou que a execución dos ingresos, nesta mesma comparativa, foi do 30,5% en 2023 e está situada neste momento no 29,18%.

Asesores do goberno

O concelleiro de Facenda saiu ao paso das declaracións sobre o custe do Goberno e lembrou que conta con 13 persoas como personal eventual por 9 para os grupos que teñen que facer labor de oposición.

Ibi do CHUS

Sobre o IBI do CHUS, César Vila ratificou os datos previamente tamén adiantados pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, que respondeu a esta cuestión a preguntas dos medios de comunicación nunha rolda de prensa previa. A cota actual deste imposto do Clínico se sitúa en 586.190,49 euros.

Neste sentido, o Goberno local mantén que "paga a pena" o esforzo de chegar a un acordo coa Xunta, no que, como non pode ser doutra maneira, houbo unha negociación e que aproximar posturas para alcanzar o acordo que se vén de comunicar e que "o antes posible" se traducirá na sinatura pública do convenio.

Ademais, na súa intervención, o concelleiro de Facenda lembrou que, dende este ano, o Concello incorpora o 100% do IBI da autopista AP-9, até o de agora bonificado no 95%, de tal xeito que ingresará uns 665.000 euros por este concepto.

Canon de Sogama

Doutra banda, o concelleiro responsable desta área abordou o anuncio da suba do canon por parte de Sogama. Neste sentido, expresou que agarda que despois das alegacións da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), a Xunta dea marcha atrás.

En todo caso, explicou que se trata dunha taxa e que a normativa obriga a que a ordenanza fiscal recolla o custo do servizo que se presta na factura. Tamén avanzou que o Concello está a elaborar unha nova ordenanza do lixo que, agarda, estea lista este ano.

Compartir: