ALCALDÍA

O Concello de Santiago recoñecerá na "Alba de Compostela" a Concha Losada Vázquez, Xaquín Mato Castro, Mabel Loza García e Miguel Fernández Blanco

12/07/2024 O Consello Asesor de Condecoracións do Concello de Santiago vén de elixir por unanimidade as catro persoas que serán recoñecidas no acto "Alba de Compostela" polas súas respectivas traxectorias persoais e profesionais que traballan de xeito continuado por Compostela. Son a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, o comerciante Xaquín Mato, a catedrática en Farmacoloxía Mabel Loza, e o presidente do Foro Galego de Inmigración, Miguel Fernández.

O Teatro Principal volverá acoller o vindeiro 25 de xullo a partir das 19:30h o acto "Alba de Compostela. Ao igual que o ano pasado, para a escolla destes recoñecementos tívose en conta o arraigo social, a relevancia e a proxección de cada persoa proposta. Seguindo estes criterios, a segunda edición de ‘Alba de Compostela’ renderá homenaxe ás seguintes persoas:

Concha Losada Vázquez, presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, polo seu traballo a prol da preservación, da valoración e da divulgación do legado cultural galego, asumindo a responsabilidade da xestión e da representación institucional dun Museo que se sitúa como referente no estudo e na promoción do patrimonio histórico-antropolóxico de Galicia.

Xaquín Mato Castro, propietario de Papelería Xaquín e expresidente da Asociación Veciñal Raigame, pola súa dedicación profesional ao comercio de proximidade, apostando pola calidade e pola atención personalizada e en galego, e pola súa implicación persoal no movemento asociativo, promovendo o espírito de comunidade e canalizando a voz da veciñanza do Ensanche compostelán.

Mabel Loza García, catedrática de Farmacoloxía e directora científica do CiMUS, pola súa traxectoria científica e polo seu liderado no descubrimento e desenvolvemento de fármacos a nivel internacional, e polo impulso á transferencia de coñecemento da Universidade á industria farmacéutica, co obxectivo de promover beneficios sociais na saúde pública.

Miguel Fernández Blanco, presidente do Foro Galego de Inmigración, portavoz da Plataforma polo Emprego e voluntario de Cáritas, polo seu labor constante e continuado de acompañamento nos procesos de integración da poboación migrante, e pola súa contribución á loita pola dignificación das condicións laborais para todos os segmentos de poboación, con especial incidencia para os colectivos con máis dificultades para acceder ao mercado de traballo.

Cabe lembrar que "Alba de Compostela" se inspira no coñecido discurso ‘Alba de Gloria’ que Castelao fixo en Bos Aires o 25 de xullo de 1948, onde fai unha semblanza de personaxes históricos que desde a Idade Media contribuíron a construír a identidade e a presenza no mundo de Santiago e de Galicia e no que formula un desexo de esperanza no futuro.

Compartir: