XUNTA DE GOBERNO

Aprobado o inicio de licitación do novo servizo de mantemento dos sistemas de control do tráfico

11/07/2024 O Goberno local sacará a licitación o novo servizo de mantemento e conservación dos sistemas de control, regulación e xestión do tráfico e do túnel do Hórreo, cun orzamento de 4,2 millóns de euros para os próximos 3 anos. O concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais, Xan Duro, indicou que o novo contrato "practicamente duplica o importe do que está en vigor, froito tanto da actualización dos prezos como da incorporación de diferentes melloras coas que pretendemos garantir o correcto funcionamento e a modernización do sistema". O edil explicou que "esta aposta fai parte do noso convencemento de que este debe ser o mandato da mobilidade, e a súa xestión debe responder aos máximos parámetros de calidade e modernidade".

A Xunta de Goberno aprobou hoxe, nunha sesión extraordinaria, o inicio do procedemento de adxudicación do servizo de mantemento e conservación dos sistemas de control, regulación e xestión do tráfico do túnel urbano do Hórreo. O contrato terá un prazo de execución de tres anos, prorrogables por dous anos máis, e un orzamento base de licitación de 4.229.329,56 euros, IVE incluído. O contrato en vigor, asinado en decembro de 2020, tiña un orzamento de 2.431.082,61 euros.

Xan Duro explicou que este aumento do orzamento "responde a varias cuestións: o incremento do prezo dos materiais, o aumento e mellora do software, e as melloras introducidas no contrato". Nese sentido, o edil explicou que "neste contrato incorpórase o mantemento e xestión de todos os elementos instalados no marco do proxecto Smartiago, e que non existían cando se licitou anteriormente o servizo, no ano 2020". Trátase, en concreto, dos bolardos móbiles para o control de accesos á zona histórica, as cámaras lectoras de matrículas, ou os paneis informativos instalados en diferentes puntos da cidade. Ademais, o concelleiro de Mobilidade apuntou que na nova licitación ténse en conta a renovación do software de xestión de semáforos e fotorroxos "por un novo sistema máis moderno e eficaz". Duro explicou que "estes elementos incorpóranse a unha nova plataforma de xestión da mobilidade pendente de desenvolvemento, que permite unha xestión directa e en tempo real das diferentes incidencias que se produzan na cidade".

Melloras no contrato

Ademais, os pregos prevén outras melloras como a incorporación dun técnico máis, especialista en reparación de equipos, de maneira que pasarían dos 6 actuais a 7 "para responder ao aumento da complexidade das instalacións". Tamén se prevé que a empresa adxudicataria poida contratar persoal específico para a reparación de software, "co obxectivo de evitar atrasos que se producían na actualidade á hora de resolver estas avarías".

Outra mellora notable na nova licitación é a incorporación de partidas para que a empresa adxudicataria execute directamente obras de mellora, reformas, ou derribos "que ata agora se facían con cargo a outras partidas do departamento de Tráfico, incrementando ademais a burocracia".

Outros asuntos

A Xunta de Goberno tamén acordou a adxudicación do servizo de redacción do proxecto básico e de execución (PBE) e Dirección Facultativa (DO+DEI+CSS) do "Barrio verde de Pontepedriña: renaturalización da mazá e creación dun corredor ecolóxico urbano" á empresa PROYFE SL, por un importe de 107.690 euros (89.000 euros máis 18.690 euros do IVE 21%)

A actuación "Barrio Verde de Pontepedriña", encadrada no proxecto ‘Entre Sar e Sarela’ financiado polos fondos europeos Next Generation, centrarase na renaturalización da zona e na creación dun corredor ecolóxico urbano. O ámbito de actuación será o barrio de Pontepedriña, entre a rúa do escultor Camilo Otero, a praza Pintor Laxeiro e a rúa Amor Ruibal, por tratarse dunha zona cunha elevada porcentaxe de espazo público destinado ao tráfico rodado. Esta actuación dará continuidade ao proxecto do Restollal, cun carril para cada sentido da circulación, e un carril bici na marxe esquerda que se completaría coa presenza de vexetación autóctona recuperando espazo verde do espazo gris actual.

Tamén se aprobaron catro convenios con diversas entidades sociais e deportivas da cidade. En concreto, deuse luz verde ao convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e a Asociación de Lucha contra las Enfermedades del Riñón de A Coruña (Alcer Coruña) pola contía de 5.000,00 € e outros tres convenios no ámbito deportivo coa Fundación Educación e Deporte de Santiago, por 20.000 euros; co Club Victoria de Santiago de Compostela, por 12.000 euros e co Club Arteal Tenis de Mesa, por 4.500 euros.

Compartir: