FESTAS

O ciclo "Cinema Compostela" traerá o último do audiovisiual galego ás rúas durante as Festas do Apóstolo

04/07/2024 Desde o día 21 ata o 30 de xullo varios espazos da cidade acollerán un ciclo de cine ao aire libre, que proxectarán seis películas recentes do audiovisual galego para público infantil e adulto. Esta actividade foi presentada esta mañá pola concelleira de Festas, Pilar Lueiro, e o director e produtor de cine, Enrique Otero.

A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, explicou que, entre o 21 e o 30 de xullo, coincidindo coas Festas do Apóstolo, o Concello exhibirá en espazos públicos da cidade "o máis salientable da produción audiovisual do último ano" en sesións que serán de balde. "Cremos que festa e cultura deben ir da man e neste caso o audiovisual galego que non fai máis ca darnos alegrías, con recoñecementos dentro e fóra do propio país", engadiu.

O ciclo "Cinema Compostela" contará con 6 longas de ficción: 'Salta!', 'O Corno', 'As neves', 'Cuñados', 'Amigos ata a morte' e 'Honey moon', esta última dirixida polo propio Enrique Otero.

Ademais, Pilar Lueiro fixo fincapé na aposta municipal por "estender a festa a todo o territorio municipal e así é que vai dende o corazón verde da cidade como é o parque Eugenio Granell ao rural compostelán como é Verdía, Lavacolla e Villestro".

Programación

Domingo, 21 de xullo - Parque Eugenio Granell
20:00 h ‘Salta!’ / 22:30 h ‘O Corno’

Luns, 22 de xullo - praza de Lavacolla
22:30 h ‘As Neves’

Martes, 23 de xullo - exterior do CSC de Verdía
20:00 h ‘Cuñados’ / 22:30 h ‘Amigos ata a morte’

Luns, 29 de xullo - Carballeira do CSC de Villestro
20:00 h ‘Amigos ata a morte’

Martes, 30 de xullo - Cemiterio de Bonaval
22:30 h ‘Honey Moon’

Compartir: