PROMOCIÓN ECONÓMICA

Abre as súas portas o Espazo Maker Compostela

03/07/2024 Santiago contará a partir do próximo venres cun espazo permanente e con actividades estables para promocionar a cultura maker. Trátase do Espazo Maker Compostela, que estará ubicado na Casa das Asociacións de Cornes, e que ofrecerá diferentes actividades e obradoiros nas tardes dos venres e os sábados todo o día. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou hoxe este novo servizo "que está destinado a impulsar a creatividade entre a veciñanza, e a fomentar a súa participación en actividades tecnolóxicas e creativas".

María Rozas explicou que o Espazo Maker Compostela "é unha aposta da Concellaría de Promoción Económica por ir un paso máis alá, despois do éxito doutras iniciativas que se puxeron en marcha nos últimos anos como a Academia Maker que funcionou de maneira itinerante pola rede de Centros Socioculturais, ou o laboratorio dixital móbil que percorreu a cidade durante varias semanas o ano pasado". Estas accións estaban enmarcadas no programa de dinamización económica Faino Ti, financiado con fondos europeos da EDUSI. A concelleira apuntou que o equipamento informático e tecnolóxico utilizado nesas iniciativas pasou a ser propiedade do Concello, "e serve agora de base para este espazo permanente, que será un punto de encontro para profesionais, persoas emprendedoras e cidadanía en xeral, interesada na tecnoloxía e a innovación". María Rozas salientou que estas actividades "encaixan nos obxectivos da Axenda Urbana 2030 no que tén que ver coa promoción da innovación, a sostenibilidade e a participación cidadá".

Xornadas de portas abertas e obradoiros

O Espazo Maker Compostela botará a andar o venres, cunha xornada de portas abertas a partir das 17.30 horas, na que tamén haberá unha charla-taller con Enrique Saavedra e Marcos Saavedra, cofundadores da Maker Faire Galicia, da primeira Asociación de Makers de Compostela, Recuncho Maker, e da academia de makers VermisLAB. Marcos Saavedra mostrou a súa satisfacción pola apertura deste espazo "que ten ademais a potencialidade de que será a comunidade maker a que decida como funciona e que actividades se programan".

Tras a apertura do venres, o Espazo Maker Compostela funcionará de xeito habitual os venres, en horario de 16:00 a 20:00 horas; e os sábados, de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Para o mes de xullo están previstos obradoiros de deseño e impresión 3D, realidade virtual e corte láser, a cargo da empresa We Robots e dirixidos a persoas maiores de 16 anos. O seu representante, Vicente Calvo, mostrou o seu convencemento de que "este espazo será un éxito, porque afonda na metodoloxía que levamos poñendo en práctica oito anos para achegar coñecementos relacionados coa electrónica, a programación ou o deseño 3D desde a metodoloxía maker".

Direcciones relacionadas



Compartir: