ALCALDÍA

A alcaldesa Goretti Sanmartín e membros da corporación reciben a tripulación do Handala

28/06/2024 A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, recibiu este venres a tripulación do barco O Handala da Flotilla da Liberdade nun acto emotivo no que estivo parte da Corporación do Concello de Santiago. No acto estiveron os concelleiros do goberno de BNG e CA Míriam Louzao, Pilar Lueiro e Xan Duro, ademais da concelleira Mercedes Rosón (PSdeG-PSOE).

Goretti Sanmartín destacou que esta recepción "non só é un pracer, senón unha obriga para visibilizar o xenocidio en Palestina". "Somos a capital do país, representamos moi ben a maioría da poboación galega que está conmocionada co que está acontecendo", dixo Sanmartín.
A rexidora compostelana enviou unha forte aperta para a poboación de Gaza, para que siga "resistindo". "Apostamos pola paz e por unha solución ao conflicto", defendeu.
Sanmartín tamén apelou a manter "viva" a lembranza cara o pobo palestino e comprometeuse a seguir apoiando a causa e defendela ante o resto das institucións.
No acto participaron tamén Filipe Lopes, coordinador de medios e da campaña da Coalición da Flotilla da Liberdade (FFC) e Rana Hamida e Youssef Sammour, palestinos residentes en Nova Zelanda e integrantes da tripulación do Handala.
Tras saír ao balcón do Pazo de Raxoi onde penduraba a bandeira palestina, o acto rematou cun cántico a capela de Rana Hamida do Bella Ciao, aplaudido pola corporación, polo resto da tripulación e seguido dende a propia Praza do Obradoiro.

Compartir: