CENTROS SOCIOCULTURAIS

O programa "Vive o verán" da rede de Centros Socioculturais toma forza coa chegada do mes de xullo

28/06/2024 A próxima semana, co comezo do mes de xullo, botará a andar a groso das actividades do programa "Vive o verán" nos Centros Socioculturais, con propostas moi diversas que teñen como obxectivo que os veciños e veciñas redescobran o seu propio municipio e que compartan o tempo de lecer do verán. Para iso, nas próximas semanas haberá actividades nos parques, paseos pola cidade, espectáculos ao aire libre, e obradoiros, todas elas actividades de balde.

Boa parte do programa "Vive o verán" está pensado para fomentar o tempo en familia. Unha desas propostas é a chamada "Argallando no carballo", con actividades todos os martes e xoves do mes de xullo en espazos naturais como a Finca do Espiño, a Carballeira de Neiro, San Lourenzo, a granxa do Xesto ou o Monte Viso. Os parques tamén son os lugares elixidos para actividades saúdables e deportivas, como os obradoiros de Tai Chi e Chi Kung que se van desenvolver no parque do Penedo en Conxo, no parque de Santa Marta ou no parque do Cotaredo das Fontiñas; ou as actividades de danza que serán nos parques de Galeras e Eugenio Granell.

Veladas nocturnas e paseos pola cidade

Como novidade, este ano no programa "Vive o verán" haberá dúas veladas nocturnas para as familias. A primeira será o próximo mércores 3 de xullo, no espazo exterior do centro sociocultural de Santa Marta a partir das 20 horas, e coa representación da Feira das Sementes, da compañía Babaluva Teatro. Xa para o 17 de xullo está prevista outra velada nocturna na carballeira de San Lourenzo, coa actuación de Jara Ortiz.

En canto aos paseos incluídos na programación de verán da rede de Centros Socioculturais, o próximo xoves 4 de xullo está previsto un paseo circular pola parroquia de Figueiras, e ese mesmo dia haberá tamén un roteiro octurno sobre s mulleres da historia de Compostela.

O programa "Vive o verán" incorpora este ano 26 actividades distintas e un total de 155 sesións nas que se prevé a participación de máis de 3.000 persoas. A programación pode consultarse na web do concello, nas redes sociais dos Centros Socioculturais, e nos mesmos centros. A información das distintas actividades pode descargarse escaneando o código QR que aparece no folleto informativo, cos detalles sobre o procedemento e lugar de inscrición.

Compartir: