XUNTA DE GOBERNO

Luz verde á convocatoria de axudas a actividades culturais para o sector profesional que inclúe os festivais como novidade

24/06/2024 A Xunta de Goberno local aprobou hoxe as bases da convocatoria de axudas de apoio a actividades culturais para o sector profesional 2024 que contará cun orzamento de 250.000 euros e incluirá por primeira vez unha modalidade específica para os festivais de música e de artes escénicas.

A voceira do Goberno municipal, Míriam Louzao, deu conta esta mañá en rolda de prensa da aprobación da convocatoria de axudas de apoio de actividades culturais para o sector profesional, á que a Concellaría de Capital Cultural destinará un importe total de 250.000 euros. A convocatoria, pendente de publicarse no BOP, establece que as actividades subvencionables son todas aquelas que teñan un carácter cultural, que se executen dentro do termo municipal de Santiago e que sexan abertas o público.

Como novidade este ano, Míriam Louzao explicou a existencia de dúas modalidades: "a modalidade A, para festivais de música e artes escénicas, cun importe máximo de 45.000 euros por festival, e a modalidade B para as restantes actividades cun importe máximo de 15.000 euros". En ambos casos, o importe máximo da subvención para cada actividade será do 80 % do seu orzamento.

A voceira matizou que no caso da modalidade A, "considaremos festival aqueles que se teñan celebrado baixo o mesmo nome ou marca un mínimo de 3 edicións nos 10 anos anteriores, que teñan unha programación superior ás dez actividades e que a súa duración total no tempo sexa dun mínimo de 3 días e non supere os 3 días consecutivos "

Con esta novidade "queremos amosar o noso inequívoco apoio aos diversos festivais que se celebran no Concello, que teñen unha estabilidade no tempo e que forman unha parte moi importante da oferta cultural de Compostela", que lles "permita contar cos recursos precisos para poder seguir celebrándose", salientou Míriam Louzao.

Solicitudes

As entidades que poden obter subvención son as persoas físicas ou xurídicas dedicadas profesionalmente á produción de actividades culturais e artísticas que se executen dentro do termo municipal de Santiago e que sexan abertas ao público que se celebren desde o 1 de xaneiro ata o 20 de outubro de 2024. Unha vez publicado a convocatoria no BOP, as empresas contarán cun prazo de 15 días para presentar as súas solicitudes.

Non poderán ser subvencionables as actividades gastronómicas nin os cursos formativos. Os gastos elixibles serán aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido nas bases reguladoras, en particular: programación (por exemplo: cachés), persoal, produción, medios técnicos, promoción, publicidade ou gastos xerais.

Ademais, tamén variarán os criterio de puntuación e "outra das novidades será o establecemento dun importe máximo de custos indirectos equivalentes ao 10 % da subvención concedida que non precisarán dunha xustificación adicional senón só dunha declaración responsable". Segundo Míriam Louzao, o obxectivo é "facilitar a burocracia, xa que a xustificación de determinadas cuestións de gastos máis pequenos e difíciles de invidualizar para cada un dos proxectos, era algo que lle complicaba moito ás entidades a presentación e ralentizaba o proceso".

Compartir: