DEPORTES

Santiago de Compostela participará con 49 deportistas en 6 modalidades distintas nos XV Xogos do Eixo Atlántico

23/06/2024 Centos de mozos e mozas de Galicia e do Norte de Portugal competirán durante unha semana en Vila Nova de Famalicão e en Braga na XV edición dos Xogos do Eixo Atlántico, que arrancan o vindeiro domingo 30 de xuño.

Santiago de Compostela achega un total de 49 participantes en 6 modalidades deportivas: baloncesto feminino, baloncesto masculino, fútbol 7 feminino (novidade nesta edición), atletismo adaptado masculino e atletismo adaptado feminino. Na anterior edición de 2022, a compostelá foi a delegación con máis ouros nas modalidades colectivas; posicionouse no primeiro lugar en baloncesto masculino, feminino e fútbol 7.

A XV edición dos Xogos do Eixo Atlántico celebrarase nas cidades de Vila Nova de Famalicão e Braga do 30 de xuño ao 5 de xullo. As modalidades deportivas nas que se competirán son balonmán feminino e masculino, voleibol feminino, baloncesto masculino e feminino, natación e natación adaptada, atletismo e atletismo adaptado.

Como novidade desta edición, ao fútbol 7 masculino súmase o fútbol 7 feminino. Nesta ocasión as competicións desenvolveranse paralelamente en Vila Nova de Famalicão e Braga, as dúas cidades organizadoras dos XV Xogos do Eixo Atlántico.

Deporte adaptado

Como vén sendo habitual nos Xogos do Eixo Atlántico, esta edición tamén integra modalidades de deporte adaptado, coa participación de case 200 persoas, en liña coa filosofía do Eixo Atlántico de eliminar barreiras e fomentar a participación deportiva de toda a cidadanía.

O próximo 26 de xuño haberá unha rolda de prensa en Braga na que se coñecerán máis detalles do evento.

Compartir: