XUVENTUDE

O Centro Xove da Almáciga pon en marcha actividades de verán para os mozos e mozas ata os 35 anos

21/06/2024 O Centro Xove da Almáciga pon en marcha unha programación especial para este verán, con actividades que se desenvolverán ao longo dos meses de xullo e agosto. As actividades foron presentadas hoxe en rolda de prensa pola concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude. María Rozas explicou que "aínda que no verán adoitamos poñer o foco na conciliación e nas crianzas máis pequenas, entendemos que é moi importante que os mozos e mozas teñan unha oferta lúdica e educativa durante as súas vacacións". Tamén participou o técnico de Mocidade, Manuel Fernández.

A programación especial de verán do Centro Xove da Almáciga desenvolveráse desde o 8 de xullo ata o 31 de agosto. As actividades están destinadas á mocidade de entre 14 e 35 anos, e atenden a diferentes intereses dos mozos e mozas. Así, haberá clases de break dance (todos os mércores de 11 a 13 horas), e obradoiros de cociña de verán (todos os luns de 19 a 21 horas).

Tamén están previstas dúas propostas relacionadas coa horticultura. A primeira será os mércores, de 19 a 21 horas, unha actividade na horta do Centro Xove para mostrarlle á mocidade os coidados básicos dunha horta e o aproveitamento dos residuos orgánicos como abono. A actividade tamén pretende promover hábitos de vida saúdable e fomentar a soberanía alimentaria. A outra actividade será unha xornada para explicar como facer hortos verticais a partir de botellas de plástico recicladas.

O prazo de inscrición nas actividades de verán do Centro Xove da Almáciga estará aberto do 24 de xuño ao 5 de xullo. Pode realizarse mandando un correo a info@centroxove.com, ou vía whatsapp ou telegram no teléfono do Centro Xove de Creación Cultural (722720992).

Proxecto Lanzadeira

Neste verán tamén continúa a formación musical especial do proxecto Lanzadeira, un curso dirixido a artistas e proxectos residentes dos locais de ensaio do Centro Xove, que busca profesionalizar e mellorar o seu nivel de autoxestión. Trátase dun curso de 32 horas de duración para o que serán seleccionadas cinco bandas. As interesadas en participar poden inscribirse ata o próximo 26 de xuño.

O obxectivo é que as persoas usuarias do Centro Xove aprendan a un nivel semiprofesional a xestionar o lanzamento dunha banda, comezando co proceso de composición, preprodución, produción e grabación en estudio e a posterior preparación para a presentación en vivo. Tamén se engade un bloque de contido centrado na produción, xestión e organización de eventos, para complementar a formación das bandas participantes.

Ao remate da formación, en setembro, haberá un concerto final coas bandas que participaron no proxecto Lanzadeira, ao que poderán ser convidadas ata dúas bandas adicionais usuarias dos locais de ensaio do Centro Xove da Almáciga.

Cine ao aire libre dos Orzamentos Participativos

María Rozas tamén deu conta da celebración das xornadas de cine ao aire libre na Alameda, que se celebrarán do 24 ao 27 de xuño, sempre ás 22.30 horas. Trátase dunha actividade que xorde do proceso dos Orzamentos Participativos da Área de Mocidade, e na que tamén foron os mozos e mozas os que seleccionaron as películas que se van proxectar.

O ciclo comezará o luns, 24 de xuño, coa proxección de "As Bestas", o filme de Rodrígo Sorogoyen protagonizada por Luis Zahera que logrou o Premio Goya á mellor película no ano 2022. Ao día seguinte, poderase ver "Call me by your name", que narra a historia de amor entre un adolescente e o asistente de seu pai; e o 26 de xuño será o turno de "Madres paralelas", unha película de Pedro Almodóvar protagonizada por Penélope Cruz e Milena Smit. O ciclo pecharase o 27 de xuño con "Cuñados", a comedia dirixida por Toño López en 2021, e protagonizada por Touriñán e Miguel de Lira.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: