DEREITOS E SERVIZOS SOCIAIS

O Concello recupera a exposición sobre a situación das persoas refuxiadas e migrantes, instalada desde hoxe na Alameda

20/06/2024 Esta mañá quedou instalada na Alameda a exposición "Mira con outros ollos", impulsada desde a Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas para lembrar ás persoas migrantes e refuxidas falecidas desde 1993. Trátase da mostra que xa estivera no Paseo dos Leóns en 2021, e que fora vítima de actos vandálicos. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, explicou que "recuperando esta exposición queremos lanzar a mensaxe de que o Concello de Santiago non vai calar diante do odio e da intolerancia".

Con motivo do Día Mundial das Persoas Refuxiadas, que se celebra o 20 de xuño, a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais visitou a mostra da Alameda, acompañada por outros membros da Corporación e por representantes da Rede Galega de Persoas Refuxiadas. María Rozas explicou que a exposición "fala das máis de 40.500 persoas migrantes e refuxiadas falecidas ata 2020, pero en só catro anos ese número medro ata os 60.600". Falamos, polo tanto, "de que cada mes morren 500 persoas, a maioría mentres intentan chegar a Europa". Para a concelleira, "estes son datos inasumibles, que mostran o fracaso das administracións públicas".

No acto, Miguel Fernández deulle lectura ao manifesto da Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas, que denuncia a difícil situación que viven millóns de persoas refuxiadas en todo o mundo por causas como as guerras, as persecucións por motivos relixiosos ou políticos, por razóns de xénero ou de orientación sexual. O representante da Rede tivo tamén un recordo para "as vítimas do xenocidio que estamos presenciando en Palestina, de milleiros de persoas que nin sequera están tendo a oportunidade de seren migrantes ou refuxiadas".

Documentos relacionados



Compartir: