ALCALDÍA

O goberno de Santiago afronta o segundo ano co foco na protección do comercio local

17/06/2024 A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a primeira tenenta de alcaldesa, María Rozas, fixeron hoxe hoxe balance do primeiro ano do mandato, nunha comparecencia na que estiveron acompañadas por todos os concelleiros e concelleiras do Goberno. No acto, a rexedora da capital galega afondou na vontade do Goberno "de seguir traballando por un concello para as persoas", e nesa liña anunciou que "o segundo ano de mandato estará marcado polas medidas de protección ao comercio de proximidade que vimos de adoptar na Xunta de Goberno celebrada esta mañá".

Así, Sanmartín explicou que a xunta de goberno local aprobou a suspensión cautelar para a reforma da vixente normativa de usos do Plan Especial con dous obxectivos: "protexer e fomentar o comercio local e de proximidade e fixar poboación na zona vella". "Con esta finalidade imos estudar os eixos comerciais na cidade histórica, as actividades, os seus usos e durante un ano suspender as licenzas e comunicación previas para decidir xustamente cara onde queremos camiñar", detallou, porque esto fará que a xente fique "vivir na zona vella, porque ten a zapatería que precisa o supermercado que precisa, un espazo habitable, pensado e deseñado para vivir".

A vivenda e o turismo sustentable, prioridades do mandato
A tenenta de alcaldesa; María Rozas, salientou que "esta medida aprobada hoxe súmase a outras que se foron adoptando neste primeiro ano de mandato, nomeadamente no que tén que ver co control das vivendas de uso turístico, dálle cumprimento ao acordo de Goberno asinado por BNG e Compostela Aberta, e vai na liña que nos marcamos as dúas formacións que sempre tivemos claro que a promoción dun modelo turístico máis sustentable e as políticas de vivenda tiñan que ser unhas das nosas prioridades".

Neste sentido, a alcaldesa lembrou outras medidas impulsadas nestes doce meses de Goberno, como a posta en marcha do Rexistro de Soares, o impulso dunha empresa pública de vivenda para revitalizar e impulsar o uso residencial do parque de vivenda actual; a disposición para cederlle á Xunta dúas parcelas para a construción de vivenda pública, ou os avances para que Santiago conte cunha taxa turística. Ao respecto, Goretti Sanmartín explicou que en próximas datas enviarase a proposta da chamada taxa turística ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, un imposto que, dixo, Eé un clamor social".

Mobilidade e Políticas Sociais
Na comparecencia de hoxe, a alcaldesa tamén fixou como reto "avanzar nas políticas transformadoras en materia de mobilidade", e lembrou que "xa demos pasos importantes neste sentido nestes doce meses, para termos un novo contrato que introduzca novidades importantes como as conexións ao rural ou o bus nocturno". Nese sentido, María Rozas tamén lembrou que "neste tempo conseguimos renovar parte da flota e impulsar unha liña lanzadeira ao aeroporto, á espera de ter resolta unha licitación que todas sabemos que é complexa porque é un dos contratos máis importantes do Concello de Santiago".

O goberno destacou os retos do futuro enmarcados nos eixos do mandato: un pulo polo social, a vivenda, a transformación da cidade, os servizos para o rural, os equipamentos e a conversión de Santiago nun motor económico de referencia en toda Galiza. A alcaldesa, ademáis, destacou o feito de ter aprobados os orzamentos e agradeceu, neste sentido, o apoio do PSOE.

A tenenta de alcaldesa tamén quixo salientar os avances en materia social, "como o incremento do 40% no orzamento das bolsas de comedor escolar, ou dun 70% no orzamento do Servizo de Axuda no Fogar", e no que tén que ver coa participación "coa recuperación de Consellos Municipais que levaban anos sen reunirse, como o de Educación ou o de Cooperación ao Desenvolvemento, ou tamén dos Orzamentos Participativos na área de Xuventude".

Un goberno que non se conforma
Goretti Sanmartín e María Rozas incidiron tamén en que este Goberno "non se conforma e seguirá traballando de maneira unida e con toda a vontade de transformar Santiago, procurando a colaboración coas outras administracións". Neste sentido, a alcaldesa anunciou que esta mesma semana vaise asinar a adenda do convenio co Goberno do Estado para a EDAR, o cal permitirá un aforro para as arcas municipais de 11 millóns de euros.

A rexedora enfatizou na súa intervención na que empregou unha reflexión da utopía lembrando a Eduardo Galeano para insistir en que este Goberno camiña cara o horizonte para seguir dando pasos á frente. "Un goberno que atendemos o urxente sen deixar de mirar cara o importante", incidiu a alcaldesa, quen proclamou: "Non viñemos pintar fachadas ou facer retoques, senón para transformar a vida da veciñanza".

Compartir: