XUNTA DE GOBERNO

O Concello asume as conexións eléctricas nas actividades recreativas promovidas por comisións de festas e asociacións culturais e veciñais

17/06/2024 A concellaría de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais vén de asumir a prestación do servizo de execución das conexións eléctricas para a celebración de actividades recreativas promovidas por comisións de festas, ou asociacións veciñais e culturais. O departamento que dirixe Xan Duro procura, desta maneira, facilitar a tramitación das autorizacións para eventos como as cacharelas e sardiñadas de San Xoán. Para iso, a Xunta de Goberno aprobou hoxe unha modificación das normas de xestión destes festexos.

Na modificación aprobada hoxe, introdúcese un novo epígrafe que aclara que "as Agrupacións e Asociacións Veciñais e Culturais que precisen conectar o subministro eléctrico a unha instalación eléctrica municipal, deberán comunicalo a través da sede electrónica do Concello para podelo xestionar dende a administración municipal". Ata o de agora, cada entidade tiña que xestionar este enganche pola súa conta, "o que xeraba numerosas dificultades para as asociacións". O concelleiro Xan Duro explicou que "co obxectivo de minimizar a burocracia e facilitar o traballo das entidades veciñais e culturais, asinamos un contrato para que unha mesma empresa preste ese servizo e execute as conexións eléctricas, tamén cunha maior garantía de seguridade".

Compartir: