EDUCACIÓN

Míriam Louzao reactiva o Consello municipal de Educación e preside a constitución 13 anos despois da última xuntanza

13/06/2024 A concelleira de Educación, Míriam Louzao, presidiu este xoves a constitución do Consello municipal de Educación, 13 anos despois da última xuntanza deste órgano que agora a titular da carteira educativa do goberno que lidera Goretti Sanmartín reactiva. A constitución do consello municipal é froito dun "traballo intenso" desde o departamento de educación para dar pulo a unha ferramenta "fundamental para tratar colectivamente a situación educativa no noso concello".

O consello municipal --no que participan representantes de toda a comunidade educativa como profesorado, alumnado, familias e sindicatos, ou representantes de entidades sociais--, establece tres reunións por ano, cunha periodicidade cuadrimestral, sendo unha das sesión no inicio do curso e outra ao remate. Aínda que o regulamento non contempla que formen parten do consello os grupos políticos, outro dos acordos desta xornada permitirá asistir como convidados na vindeira reunión.

Tamén saíu adiante facer as reunións os xoves, ás 16:30 horas en primeira convocatoria e 17:00 horas, en segunda. Ademais, aprobouse o 19 de setembro para a primeira xuntanza ao inicio do curso escolar.

Durante a xuntanza, a concelleira de Educación explicou varias liñas de traballo que o seu departamento iniciou este mandato. En primeiro lugar, deu conta do proxecto piloto para cambiar o modelo de comedores escolares coa construción dunha cociña nun dos CEIP para que dea servizo a varios centros.

"Aínda que o servizo de comedores é unha competencia que debería ser exercida pola Xunta, entendemos que, mentres a teñamos que desenvolver nós, necesitamos traballar nun cambio de modelo que teña como referencia a aposta polo produto local e o quilómetro cero", esgrimiu a concelleira ante o consello municipal.

Ao mesmo tempo, Louzao sostivo que "é o momento de repensar a maneira na que artellamos a oferta municipal de conciliación para deseñala de forma máis integral, de xeito que poida ofrecer non só unha regularidade para a planificación das familias durante os períodos non lectivos, senón tamén para que haxa unha compoñente pedagóxica en todos os elementos da programación".

A concelleira tamén aproveitou para introducir que, neste mandato, o goberno local comezará traballar "na actualización do mapa escolar municipal", de xeito que permita ter unha visión "actualizada" da rede educativa e eixos de peso no concello, tamén de cara a "planificar novos equipamentos educativos de cara o futuro que respondan ao peso demográfico escolar dos centros educativos do concello". Finalmente, presentou tamén a planificación de obras.

Compartir: