CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia presenta a nova temporada cun concerto sorpresa aberto á cidadanía

11/06/2024 Baldur Brönimann dirixirá á orquestra nun concerto que achegará as chaves da temporada 2024-2025.

A Real Filharmonía de Galicia presentará o vindeiro xoves 13 de xuño ás 20:30h no Auditorio de Galicia a súa temporada de abono 2024-2025 cun concerto especial dirixido por Baldur Brönimann e aberto a toda a cidadanía. O programa do concerto, no que se presentarán as chaves do que será a nova temporada, será sorpresa, polo que os asistentes descubrirán as pezas ao inicio do mesmo.

As persoas aboadas terán reservadas as súas butacas, que ocuparon durante toda a temporada, e simplemente terán que presentar a súa tarxeta de abono no acceso ao recinto. Para o resto de persoas interesadas en asistir a este concerto, a entrada será de balde previa retirada de convites (máximo 2 por persoa) na páxina web de Compostela Cultura, no despacho de billetes da Zona C e no do Auditorio de Galicia (o propio día do concerto).

Ao remate do concerto haberá tempo para conversar co público sobre estas primeiras impresións arredor da proposta musical para a vindeira temporada e tamén se servirá un viño, por cortesía de Galicia Calidade.

Compartir: