MOBILIDADE

O Concello agarda que o Goberno de Teo valore o informe sobre os custos da extensión do servizo de autobús ata Cacheiras

07/06/2024 O informe elaborado pola empresa municipal Tussa sobre a posible extensión da actual liña 6 do transporte urbano de Santiago a Cacheiras, ata a altura da rotonda que comunica a AC-841 coa AG-58, cifra en 1,8 millóns de euros os investimentos necesarios para prestar ese servizo, unha cifra á que habería que engadir outros custos anuais como os da contratación de novo persoal. O estudo responde á solicitude feita pola alcaldesa de Teo para que o Concello de Santiago avaliara a prolongación da liña, e deberá ser agora o concello veciño o que traslade as súas valoracións ao respecto. O informe apunta tamén outras alternativas para prestar o servizo máis rendibles e con maiores garantías xurídicas.

O concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais, Xan Duro, remitiulle ao Concello de Teo o informe sobre a extensión da liña 6, que avalía diferentes opcións para a prestación dese servizo. Tal e como recolle o estudo, prolongar a liña mantendo a calidade do servizo en canto ás frecuencias requiriría tanto a dotación de máis autobuses como a contratación de entre 5 e 6 condutores ou condutoras máis. Iso supón uns custos económicos que non serían asumidos polo Concello de Santiago. O estudo lembra, ademais, que o servizo de transportes que o Concello de Santiago presta ata a urbanización dos Tilos está enmarcado nun convenio de colaboración entre os concellos de Santiago e Teo e a Xunta de Galicia.

O edil lembra que nas conversas mantidas coa alcaldesa de Teo achegóuselle a proposta de que o concello veciño "habilitara liñas internas que conectaran coa liña 6 nos Tilos, seguindo o modelo das liñas alimentadoras coas que se lle vai dar servizo á zona rural de Santiago co novo contrato do transporte, e tal e como hoxe apunta o concello de Teo que prevé impulsar cun proxecto piloto". Ademais, Xan Duro explicou que o informe de Tussa lembra que "o servizo a outros concellos debe realizarse dentro do transporte metropolitano que é competencia da Xunta de Galicia, ou mesmo a través da creación dun Consorcio de Transportes con participación de todas as administracións implicadas, como a autonómica e os concellos de Santiago e Teo, pero tamén os de Ames ou Oroso".

O concelleiro aclarou, ademais, que no novo contrato do servizo de transportes que o Goberno local prevé sacar a licitación "non se inclúen paradas noutros concellos, senón que se deseñou unha liña que atravesará o municipio de Santiago desde os seus límites co Milladoiro ata os límites con Sigüeiro", un deseño de ruta "que non é homologable á que demanda o concello de Teo e que incluiría numerosas paradas no termo municipal veciño".

Compartir: