CAPITAL CULTURAL

A SELIC arrinca a súa edición máis internacional co foco en Compostela

06/06/2024 Os poemas galegos de Lorca musicados por Lara Dopazo marcan a inauguración do Festival da Lectura.

Mañá a oitava edición da SELIC abre ao público a partir das 17h e permanecerá na Quintana ata o domingo 16 de xuño. Este venres será a primeira oportunidade para visitar a carpa, onde se atoparán uns 25 postos de librarías, editoras e institucións, alén dunha variada e heteroxénea programación de máis de 60 actividades. O Festival da Lectura recibirá ás 18h horas a visita da alcaldesa e membros da corporación municipal, como parte da inauguración do evento que transforma Compostela en capital da lectura.

Nesta primeira xornada, o público poderá achegarse de primeira man á gañadora do Premio SELIC 2023: Rotas, As mulleres que o franquismo agochou en Compostela, de Montse Fajardo. Será ás 19h e acompañará á autora Francisco Macías, de Edicións Positivas, responsable da publicación do libro. O xurado destacaba "a abordaxe da cidade desde unha óptica pouco frecuente", ao deixar "entrever a represión institucional contra as mulleres psiquiatrizadas na posguerra" cunha "polifonía de voces".

Este venres tamén nos transportará aos Seis poemas galegos de Federico García Lorca, da man da escritora Lara Dopazo. No formato das Miudiño Sessions, Seis é un espectáculo musical-literario envolto polo ritmo senlleiro do poeta andaluz, que é xa unha figura recorrente da SELIC. A cidade de Santiago deixaba fondas pegadas nos seus versos galegos, algúns mesmo en diálogo co espazo que acollerá mañá o recital: "É a lúa que baila / na Quintana dos mortos".

Ademais, ás 18h o autor Carlos Gabriel Fernández estará no posto da Libraría Uróboros asinando exemplares das súas obras 50 lugares sagrados de Galicia e Compostela Máxica. Esta última protagonizará un paseo guiado por el mesmo o domingo 9, que proporá descubrir a cidade desde os mitos e as lendas que a habitan.

Horarios

O horario de apertura de carpa será normalmente polas tardes, de 17h a 21h, e os fins de semana tamén pola mañá, de 12h a 14h. Ademais, este ano a SELIC trasnoita para ofrecernos a súa sesión golfa, con actividades ás 21h os días 8, 14 e 15 de xuño, fechando unha hora máis tarde, ás 22h.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: