DEPORTES

O Beirasar Rosalía brindou o seu ascenso á cidade

25/05/2007 Xogadores, técnicos, directivos e patrocinadores do club de baloncesto Beirasar Rosalía foron recibidos en Raxoi polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, e outros membros da Corporación municipal, con motivo do ascenso do equipo á Liga LEB.

Na súa intervención, o alcalde felicitou ao equipo polo esforzo realizado e indicou que o ascenso é "unha oportunidade e un reto". Sánchez Bugallo apuntou que a nova categoría obrigará a un maior esforzo económico do Concello, pero tamén das empresas e do resto de institucións.

A ese apoio referiuse tamén o concelleiro de Deportes, Manuel Portas, para quen este éxito foi "o mellor regalo de despedida", agora que deixa a Corporación. Animou a toda a cidade a "implicarse" co proxecto do Rosalía de Castro e a "prolongar a festa" na vindeira tempada.

Finalmente, o presidente do Beirasar Rosalía, Ubaldo Rueda, referiuse ao "extraordinario grupo humano" que este ano formaron xogadores e técnicos, ademais de reclamar para eles a "matrícula de honra", agora que é tempo de exames. Tamén el demandou de todos "a implicación neste proxecto da cidade".

Compartir: