CONVIVENCIA

Máis de 800 nenos e nenas pasarán nestes días pola Alameda para participar nas actividades da Semana da Prevención de Incendios

06/06/2024 Máis de 800 escolares de Santiago pasarán hoxe e mañá pola Alameda, para participar nas actividades da Semana de Prevención de Incendios organizada polo Servizo Municipal de Extinción, a Fundación MAPFRE e a Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros. O obxectivo do programa é sensibilizar á veciñanza e mostrar as claves para reaccionar diante de situacións de emerxencia.

O concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais, Xan Duro; o xefe do Servizo Municipal de Extinción de Incendios, Manuel Sanmartín: o presidente da delegación da Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros en Galicia, Juan Jesús Mariño; e o representante da Fundación MAPFRE, Miguel Ángel Talabante; visitaron esta mañá as actividades, nas que tamén colaboran as Policías Local e Nacional, Protección Civil, e o 061. O edil explicou que o obxectivo do programa é "sensibilizar á cidadanía e axudarlle a identificar os riscos que se poden presentar nos lugares que frecuentamos, como os nosos fogares, lugares de traballo ou colexios, e trasladarlle os coñecementos necesarios para actuar diante dunha emerxencia". Tal e como explicou o xefe do servizo de extinción, "esta actividade serve para aproveitar o tirón que os bombeiros sempre teñen entre os nenos e nenas, para conciencialos e a través deles chegar ás familias para que adopten medidas de prevención". Neste sentido, Sanmartín explicou que tamén se mostran "pautas de comportamento diante de situacións de emerxencia".

As actividades da Semana da Prevención de Incendios están dirixidas polas mañás ao público escolar, e polas tardes, de 16.00 a 19.00 horas, haberá propostas deseñadas para o público en xeral. Un dos principais atractivos é "A Casa de Fume", unha vivenda inchable na que as persoas participantes poden aprender as claves para "escapar" dun lugar no que se orixinou un incendio. Ademais, mostrarase como manexar as mangueiras e extintores, haberá exhibicións de vehículos de bombeiros ou traxes de intervención; e tamén talleres prácticos de reanimación cardiopulmonar e primeiros auxilios a cargo do 062 ou talleres demostrativos dos equipos de respiración e material de escape. Outro dos atractivos do programa serán as exhibicións de rescate vertical en altura.
Desde a súa posta en marcha, a Semana da Prevención de Incendios de Fundación MAPFRE y APTB chegou a milleiros de escolares de toda España, cun programa moi ameno e didáctico que bota man de ferramentas como simuladores, vídeos educativos, ou obras de teatro.

A Fundación MAPFRE lembra que a o ano pasado rexistráronse 176 falecementos en incendios en fogares, 15 deles en Galicia e 6 deles na provincia da Coruña. De aí a importancia de concienciar sobre a prevención e sobre cales deben ser as pautas de acción de orixinarse un lume na casa

Compartir: