DEPORTES

Máis de 600 deportistas participarán esta fin de semana nos campionatos de España de loitas olímpicas e de praia

04/06/2024 Santiago acolle este sábado 8 e domingo 9 de xuño tres campionatos absolutos de España de loita nas modalidades olímpicas de loita libre feminina, loita libre masculina e loita grecorromana. Tamén se celebrarán os campionatos de España de Praia nas categorías absoluta e U17 de loita e sambo. Os torneos, que se desenvolverán no pavillón municipal de Santa Isabel, foron presentados esta mañá en rolda de prensa pola concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, acompañada de Pablo Pintos Figueiroa, director técnico da Federación, e Belisa González, responsable de Administración.

Estes campionatos, que contarán coa participación dun total de 612 deportistas, están organizados pola Federación Galega de Loita en colaboración coa Federación Española de Luchas Olímpicas, o Club de Loita Stellae, o Concello de Santiago de Compostela, e a Secretaría Xeral para o Deporte.

Pilar Lueiro destacou "o aumento no número de deportistas femininas, sendo Galiza un dos referentes a nivel nacional". "Unha vez máis iniciaivas como estas sitúa ao noso concello como un referente deportivo que ademais da visibilización do deporte, tamén ten un gran retorno económico para Santiago", engadiu.

Competición

A este campionato que se disputará en 4 tapices oficiais de loita, acudirán os mellores deportistas nacionais, representando a cada unha das CCAA. Os resultados finais serán: individuais, por Clubs e por seleccións.

A competición desenvolverase en tres xornadas diferenciadas;

- Sábado 08 en xornada de mañá: Cto. De España ABSOLUTO, eliminatorias.
- Sábado 08 en xornada de tarde: Cto. De España ABSOLUTO, semifinais e finais.
- Domingo 09 en xornada de mañá: Sambo praia e Loita Praia.

O público poderá acceder o pavillón de balde para asistir á competición que tamén poderá seguirse online en tempo real, a través da plataforma SCORIZER da Federación Española.

Tras o éxito organizativo dos últimos campionatos de España celebrados en Santiago nos anos 2021 e 2022, así como o éxito histórico do Campionato de Europa U20 de Loitas Olímpicas do ano 2023, a confianza depositada pola Federación Española no Concello de Santiago, confirma o traballo que se vén levando a cabo en Galicia dende hai varios anos.

Compartir: