XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba un convenio con Proxecto Home por 45.000 euros para cambiar os hábitos e reintegrar persoas adictas

03/06/2024 O executivo local deu luz verde esta mañá a tres convenios de colaboración coas entidades Fundación Monte do Gozo, Asociación de Dano Cerebral de Compostela SARELA e coa Federación Galega de judo e disciplinas asociadas que suman unha achega total de 56.000 euros. Nesta mesma sesión aprobouse tamén o protocolo de colaboración entre o Concello de Santiago e COGAMI para a participación no 'Proxecto RUMBO: cara un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva'. Destes e doutros asuntos tratados en Xunta de Goberno, deu conta a voceira Míriam Louzao.

A Xunta de Goberno aprobou esta mañá o texto do convenio de colaboración entre o Concello de Santiago de Compostela e a entidade Fundación Monte do Gozo para este ano pola contía de 45.000 euros. Esta achega municipal destinarase ao desenvolvemento do "programa de cocaína", unha iniciativa que desenvolve Proxecto Home Galicia desde o ano 2000 e que está dirixido a persoas adictas a esta substancia, co obxectivo de facilitar o proceso de cambio conductual, emocional e cognitivo necesario para lograr a abstinencia do consumo de drogas e doutras condutas aditivas, a autonomía persoal e a integración social. O programa desenvólvese en varias fases: unha avaliación biopsicosocial inicial, desintoxicación e estabilización médica, intervención psicolóxica, apoio social e familiar, desenvolvemento de habilidades para o afrontamento e prevención de recaídas, e inserción sociolaboral e apoio continuo.

Tamén se deu luz verde a dous convenios de colaboración para este ano entre o Concello de Santiago e a Asociación de Dano Cerebral de Compostela SARELA, por unha contía de 5.000 euros para financiar o programa de actividades acuáticas e outras actividades de autocoidado para persoas coidadoras, e un segundo coa Federación Galega de Judo e Disciplinas Asociadas por un importe de 6.000 euros.

Participación no proxecto RUMBO e no Programa ARQA

Míriam Louzao tamén informou sobre a toma en coñecemento da sinatura do protocolo de colaboración entre o Concello de Santiago e COGAMI para a participación no 'Proxecto RUMBO: cara un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva'.

O proxecto RUMBO ten por fin evitar a institucionalización das persoas con discapacidade. Na execución do protocolo, as dúas entidades, Concello e COGAMI, colaborarán para investigar a existencia de vivendas municipais accesibles e para dar formación aos técnicos municipais nas materias de accesibilidade universal e aloxamentos inclusivos.

O exectivo municipal tamén deu luz verde á adhesión do Concello de Santiago ao Convenio de colaboración coa Federación de Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para a implantación do sistema de xestión documental ARQA nos arquivos públicos municipais.

A aplicación ARQA é unha aplicación informática que fornece a Xunta de Galicia para a xestión documental dos arquivos municipais e que substitúe á antiga ferramenta "XARAL". Esta aplicación facilita a xestión dos arquivos municipais e a súa interconexión, facilitando o coñecemento do seu contido e a comunicación mutua.

Ademais, a concelleira deu conta do "envío, en depósito, dende o Arquivo Municipal ao AHUS (Arquivo Histórico Universitario de Santiago), dunha serie de expedientes dentro do convenio que ten subscrito o Concello coa USC", a través do que periodicamente se transfiren series documentais do Arquivo Municipal ao AHUS onde se clasifican, xestionan e poñen a disposición do público xeral e dos investigadores. "Nesta ocasión transfírense 307 caixas e 36 libros de documentación, que representan uns 32,50 m liñais", detallou.

Outros asuntos

A Xunta de Goberno tamén deu luz verde á selección dos membros do xurado da XVII edición do Premio Internacional "Compostela" para Álbums Ilustrados (2024). Así, o xurado estará presidido pola propia concelleira de Educación, en delegación da alcaldesa e, tendo en conta as súa traxectoria no mundo da ilustración, do deseño e da literatura infantil e xuvenil, contará como vogais con profesionais deste ámbito como Ana Garralón, Natalia Colombo, André Letria, Xosé Cobas Gómez e Manuela Rodríguez.

Tamén se aprobou a certificación final da obra Pista multideporte e parque infantil na zona verde do SUNP-25 Roxos-Quintáns, realizada pola empresa ALCOMTE GALICIA S.L.

Documentos relacionados



Compartir: