CENTROS SOCIOCULTURAIS

Teatro e música na rede de Centros Socioculturais, nas novas edicións da Mostra de Teatro dos clubs dos CSC e de Terraceamos

03/06/2024 O mes de xuño chega á rede de Centros Socioculturais cargado de artes escénicas e músicais, grazas a dous programas que hoxe presentou o concelleiro Xan Duro. Trátase da Mostra de Teatro dos Clubs dos CSCs, que celebra a súa sexta edición; e do ciclo Terraceamos +, que comeza o próximo xoves. Estas dúas propostas foron presentadas esta mañá en rolda de prensa polo concelleiro de Centros Socioculturais, Xan Duro, acompañado da técnica municipal Sandra Quintana e do director de Talía Teatro, Artur Trillo.

O edil de centros socioculturais salientou que "estas iniciativas atenden á filosofía da rede de centros, de achegar propostas culturais e de ocio aos barrios, de maneira descentralizada e implicando a novos públicos"

Mostra de Teatro

A VI Mostra de Teatro dos Centros Socioculturais celebraráse do 10 ao 14 de xuño no Teatro Principal, baixo a coordinación de Artur Trillo, responsable de Talía Teatro. Están previstas 13 representacións: catro delas dirixidas ao público infantil, a cargo dos clubs infantil e mozo de Conxo; e o resto para persoas adultas cos centros de Fontiñas, Santa Marta, A Rocha Vite, Romaño e Ensanche. Artur Trillo salientou que "este ano ademais de interpretacións de textos clásicos, na mostra poderánse ver obras que son da autoría dos propios clubs".

A mostra comezará o luns, 10 de xuño, co club de teatro do CSC de Vite poñendo en escena "A cousa de Bernarda Alba". Ao día seguinte será o turno dos clubs do Romaño e do Ensanche, coas pezas "Tolas de amor" e"Maldito teatro", respectivamente. No mércores 12, o club de Santa Marta levará ao Principal tres obras: "Versus", "Os habitantes da casa deshabitada" e "A enferma imaxinaria". No xoves 13 será o turno do club de teatro do centro sociocultural das Fontiñas, con dúas pezas "Mala sorte" e "A herdanza". A mostra pecharase o venres, cunha sesión na que o club de teatro do CSC de Conxo representará catro pequenas obras para o público infantil: "Teño sono, teño sono", "O secuestro da bibliotecaria", "A principiña" e "O derradeiro ensaio". Por último, o club do CSC da Rocha pechará o ciclo coa representación de "Cansadas de casadas".

A entrada para todas as actuacións é de balde. Nos centros socioculturais poderanse retirar convites, e a billeteira do Teatro Principal estará aberta desde unha hora antes de cada representación.

O concelleiro de Centros Socioculturais animou á veciñanza a asistir ao Teatro Principal para coñecer o traballo dos clubs de teatro da rede, e salientou que "para os nosos actores e actrices amadores é moi especial poder subir ao escenario máis importante e máis significativo de Santiago". Ademais, explicou, que "esta é a primeira edición da mostra que se celebra desde 2019, xa que esta iniciativa quedara suspendida coa pandemia e ainda non se volvera retomar". Xan Duro lembrou que, ademais da mostra, ao longo destas semanas os diferentes clubs están estrenando as súas pezas nos seus propios centros socioculturais de referencia.

TerraCeamos +

A segunda das iniciativas presentadas hoxe polo concelleiro de Centros Socioculturais foi o programa "Terraceamos +", unha iniciativa "que naceu despois da pandemia cun dobre obxectivo: favorecer as relacións sociais e a participación da veciñanza en actividades ao aire libre cando ainda era obrigatorio levar máscara, e apoiar as artes escénicas e musicais que tanto sufriron a crise derivada da Covid". Xan Duro explicou que "a iniciativa foi moi exitosa, e por iso xa forma parte da programación estable da rede de centros, que desta maneira tamén poñen en valor os seus espazos exteriores".

O programa, que atende a estilos musicais moi diversos, chegará este ano aos centros socioculturais da Rocha, Santa Marta, Vite, Conxo, Maruxa e Coralia, Casa das Asociacións de Cornes e, como novidade, a Pontepedriña. Neste mes de xuño, o ciclo chegará á Rocha, coa actuación de Malas Pércoras o xoves 6; a Santa Marta, con Fla Meco, o día 20; e a Vite, con Movilla y los irrepetibles, o 27. As actuacións retomaránse despois en setembro, en concreto nos centros Maruxa e Coralia, Conxo, Pontepedriña e a Casa das Asociacións de Cornes.

Compartir: