PROMOCIÓN ECONÓMICA

As empresas teñen de prazo ata o 16 de xuño para solicitar axudas para contratar alumnos de excelencia académica

24/05/2007 Ata o 16 de xuño está aberto o prazo para que as empresas soliciten as axudas previstas no Programa de formación e prácticas en empresas para alumnas/os de excelencia académica da USC.

Deseñado pola Concellaría de Promoción Económica, conta cun orzamento de 60.000 euros. A contía da subvención será de 12.000 euros por empresa e praza ofertada. É a primeira iniciativa deste tipo que xorde en Santiago, e permite fomentar especificamente a realización de prácticas en empresas cos estudos de posgrao. O seu obxectivo é aproveitar o potencial dos alumnos con mellores expedientes académicos da USC, favorecendo a súa empregabilidade e evitando así a súa saida do concello compostelán.

O Programa de formación e prácticas en empresas para alum/os de excelencia académica da USC consta de dúas convocatorias. A primeira, que se pode consultar no BOP de A Coruña do 16 de maio, está dirixida a empresas. A segunda, que aínda non se publicou, a alumnos da USC. O programa é froito do traballo realizado na Rede de Cooperación Local e das conclusións das Roldas de Traballo desenvolvidas polos distintos axentes que participan na mesma. Está previsto que leve o nome de Manuel Caeiro, o anterior presidente do Polígono Industrial do Tambre.

No proceso de presentación de solicitudes as empresas interesadas poden contar co asesoramento do persoal técnico da Oficina de Promoción Económica e Emprego. Os modelos de instancias están en formato electrónico a disposición dos interesados na páxina web da Concellaría que dirixe Xosé Manuel Iglesias: www.maiscompostela.org.

Compartir: