DEREITOS E SERVIZOS SOCIAIS

Compostela co Sur Global: as ONGDs dan conta dos proxectos que desenvolven grazas ás subvencións do Concello de Santiago

28/05/2024 O edificio Cersia de San Lázaro acollerá mañá, a partir das 16:30 horas, un encontro con ONGDs que están a desenvolver diferentes proxectos apoiados polo Concello de Santiago, a través da súa liña de subvencións á cooperación ao desenvolvemento. A actividade, que leva por lema "Compostela co Sur Global", forma parte do programa Compostela Máis Solidaria, impulsado pola Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento, en colaboración coa Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais.

"Compostela máis solidaria" é unha proposta de sensibilización arredor das realidades migrantes que forman parte da nosa contorna e das que, como sociedade, non sempre somos conscientes. Nesta edición, o programa pón o foco na necesidade de termos información veraz e de primeira man fronte aos bulos, que no que tén que ver coa cooperación e a poboación migrante adoitan traducirse en máis intolerancia.

Con ese obxectivo de facilitar información transparente, a Coordinadora Galega de ONGDs e a Unidade Municipal de Atención ás Migracións organizan o encontro "Compostela co Sur Global", no que participarán a Asamblea de Cooperación pola Paz, e a súa socia REDES de O Salvador; Solidariedade Internacional e a súa socia Siembra, de Guatemala; Arquitectura sen Fronteiras, a Fundación Vicente Ferrer, SED e PROYDE. Na sesión, que se desenvolverá a partir das 16:30 horas no edificio Cersia de San Lázaro e que estará aberta ao público, presentaranse os proxectos que as diferentes organizacións teñen en marcha grazas ás subvencións do Concello de Santiago.

O Concello de Santiago foi pioneiro en 2016 na convocatoria dunha liña de subvencións de cooperación, e para este ano a Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais prevé destinar un orzamento de 300.000 euros á nova convocatoria de axudas.

Compartir: