EMPREGO

Presentados o estudo hidrolóxico e o inventario do ecosistema fluvial do río Sar ao seu paso polo Banquete de Conxo

24/05/2024 Un cauce que non mudou con respecto ao seu trazado natural, 35 especies de fauna, 21 arbóreas e 48 especies arbustivas e herbáceas. Son datos que "avalan a riqueza natural do ecosistema fluvial do río Sar ao seu paso polo Banquete de Conxo", que aparecen recollidos no estudo hidrolóxico e no inventario de recursos naturais da zona, que hoxe presentou a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas. Ambos informes son o primeiro paso do proxecto de restauración do chamado "Bosque da Saúde", que o Concello desenvolverá con case un millón de euros de fondos europeos, a través da Fundación Biodiversidade.

María Rozas deu conta dos avances do proxecto de restauración do ecosistema fluvial e creación do bosque de saúde no río Sar, ao seu paso polo Banquete de Conxo, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada por Susana Domínguez, xerenta da empresa SDL de Investigación e Divulgación do Medio Ambiente, que foi a encargada de realizar o inventario de recursos naturais da zona; e Alicia González, en representación de Cetaqua, que elaborou o estudo hidrolóxico do río Sar ao seu paso polo Banquete. Tal e como explicou a concelleira, ambos informes "eran indispensables antes de executar calquera actuación na zona, porque son os que permiten coñecer mellor o ámbito, detectar as súas carencias, identificar as súas fortalezas, e determinar tanto as actuacións a executar na zona como a maneira de executalas". A tenenta de alcaldesa salientou que "presentamos estes documentos nas vésperas da Festa do Banquete, que naceu para facer memoria histórica do que alí aconteceu en 1856, pero tamén para poñer en valor un espazo natural que estivo abandonado ata hai ben pouco tempo, ata o ano 2018".

Estudo hidrolóxico

O estudo hidrolóxico do ámbito foi elaborado por Cetaqua, co obxectivo de mellorar o coñecemento das caraterísticas do río Sar ao seu paso polo Banquete. O informe sinala que o cauce case non sufriu modificacións con respecto ao seu trazado natural, ao tempo que achega unha serie de pautas de actuación para evitar posibles episodios de inundacións no Banquete. Alicia González explicou que se propoñen técnicas de drenaxe urbano sostible para mitigar eses impactos, así como outro tipo de medidas para mellorar a calidade da auga. Tal e como apuntou, esas medidas "son ambiciosas, sobrepasan este proxecto de restauración, nalgúns casos teñen un alto custo económico, e tamén afectan a terreos que non son propiedade municipal".

Inventario de recursos naturais

En canto ao inventario de recursos naturais na zona, o estudo dá conta da riqueza natural destes espazos, e tal e como apuntou María Rozas, "coñecela é fundamental para respectar esta zona e garantir o seu coidado". Así, o documento alude á existencia de 35 especies de fauna diferentes., a maioría delas, 24, aves.

En canto á flora, Susana Domínguez explicou que se identificaron 21 especies arbóreas, entre elas 5 que son exóticas, cun total de 85 exemplares singulares que producen unhas 9,6 toneladas métricas de osíxeno ao ano, e absorven unhas 3,6 toneladas métricas de carbono ao ano. Ademais, identificáronse 48 especies arbustivas e herbáceas, das que 8 son invasoras. A xerenta da empresa SDL de Investigación e Divulgación do Medio Ambiente explicou que o propio inventario explica cales son as mellores metodoloxías para a recuperación do ecosistema fluvial e para a eliminación desas especies invasoras.

Proceso participativo

Ainda que os estudos presentados hoxe contemplan medidas concretas, a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude explicou que no próximo mes de xuño "abriráse un proceso de participación, con entrevistas con todos os axentes implicados no espazo do Banquete de Conxo como asociacións veciñais, o SERGAS, o psiquiátrico, as asociacións ecoloxistas, ouo os centros educativos, para definir e acordar propostas de intervención".

Compartir: