CENTROS SOCIOCULTURAIS E XUVENTUDE

O Concello apoia o VI festival Fun Fun Fun "que aspira a convertirse no epicentro lusogalaico da autoedición e a banda deseñada independente"

24/05/2024 O festival de autoedición e banda deseñada independente Fun Fun Fun celebrará a súa sexta edición en Santiago, cun programa no que colabora o Concello de Santiago, a través dos departamentos de Xuventude e Centros Socioculturais. A concelleira María Rozas e o edil Xan Duro presentaron a actividade, xunto con María Gil, Manuel Barreiro e Xaime Lis, como representantes da organización.O evento será no mes de xuño, cunhas xornadas académicas na Facultade de Historia o día 4; e cunha gran festa con laboratorios de formación no centro sociocultural de Santa Marta o día 8.

A sexta edición de Fun Fun Fun celébrase coa vontade de darlle ao evento unha maior proxección internacional, coa presenza de referentes os sectores creativos do Estado e de Portugal. A concelleira María Rozas explicou que "a vontade da concellaría de Xuventude e tamén contribuir á consolidación do evento, que está íntimamente ligado co público novo, cos intereses da mocidade e co fomento da súa creatividade. Na mesma liña, o edil de Centros Socioculturais explicou que "para nós é importante que a mocidade se achegue á rede de centros, e este é unha temática moi acaída para conseguilo, atendendo a disciplinas que non son as máis habituais na oferta dos centros socioculturais".

Dúas xornadas

O festival Fun Fun Fun divídese en dúas xornadas. A primeira delas, de carácter máis académico, será o 4 de xuño na facultade de Historia. Están previstas palestras de Teresa Moure, Paula Guerra, ou Miguel Anxo Rodríguez; e unha mesa redonda para intercambiar experiencias entre artistas de Galicia e do norte de Portugal, coa participación Miguel Carneiro, Marco Mendes, Berto Fojo e Natalia Umpiérrez.

O 8 de xuño, o Fun Fun Fun trasládase ao centro sociocultural de Santa Marta, cunha intensa xornada na que haberá tres laboratorios de formación: o lab gráfico, con Maru Astray e Dani Xove; o Lab de Fotografía, co Club de Fotografía da Facultade de Comunicación; e o Lab Audiovisual, con Bruno Arias. A partir das 11.00 horas celebrarse a Feira de fanzines, e ao longo da tarde haberá diferentes sesións djs e performances.

Todas as actividades son de balde, e a inscrición pode facerse a través da web funfunfun.gal.

Direcciones relacionadas



Compartir: