CAPITAL CULTURAL

Esther F. Carrodeguas centra esta semana a escena teatral compostelá con dous espectáculos

24/05/2024 A montaxe ‘O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada’ chega este venres, día 24 de maio, ao Teatro Principal nun pase para o que só quedan localidades con visibilidade reducida. A Igrexa da Universidade acolle o sábado, día 25 de maio, a representación da peza ‘Rapadas’, para a que xa non hai entradas dispoñibles

O foco que a tempada escénica de Compostela Cultura dedica á dramaturga, poeta e actriz Esther F. Carrodeguas inclúe esta semana dúas pezas escritas e protagonizadas pola creadora rianxeira, con produción de ButacaZero e dirección de Xavier Castiñeira. A primeira delas é O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, un texto que a autora define como "autoficción" e no que nos convida a reflexionar sobre a gordofobia a partir da súa propia experiencia. Cun relato cru pero cargado de humor, que Carrodeguas confesa "bastante doloroso, porque é un proxecto moi vulnerable no que eu abro bastante a nivel íntimo", a creadora denuncia o alcance social dunha forma de discriminación da que aínda somos pouco conscientes pero que afecta a moitas persoas. Arredor do proceso de creación, e tamén a partir da resposta do público que xa asistiu ao espectáculo, a autora a apunta: "decateime de que é un patrón, que sufrimos o mesmo tipo de violencia e polo tanto temos o mesmo tipo de experiencias. Non son experiencias particulares. De repente aprendes que non é unha experiencia individual, é colectiva. Violentáronos da mesma maneira e sufrimos da mesma maneira, a sociedade comportouse da mesma maneira".

A representación de O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, terá lugar no Teatro Principal este venres, ás 20.30 horas e aínda é posible facerse con entradas de visibilidade reducida, a prezo tamén reducido, no despacho de billetes da Zona C e no do Teatro Principal (o día do espectáculo, dende unha hora antes do seu inicio). Ao remate do pase, o equipo da obra participará nunha sesión de posfunción para conversar co público sobre o proceso creativo.

O foco Esther F. Carrodeguas continúa o sábado, día 25 de maio, ás 20.30 horas na Igrexa da Universidade con Rapadas, unha investigación teatral que parte da represión sufrida polas mulleres durante e tras a Guerra Civil española, cando eran rapadas como forma de castigo, para analizar como esa mesma forma de humillación se fixo presente noutros momentos e lugares, tal e como aconteceu en Europa coas mulleres acusadas de colaborar cos nazis tras a segunda Guerra Mundial. Repara tamén na connotación de rapadas célebres, dende Xoana de Arco a Britney Spears ou Jada Pinkett, e chega á actualidade poñendo a ollada en Ucraína, na experiencia das mulleres que se rapan a si propias nun intento de non resultar atractivas a posibles violadores durante a invasión. Acompañada en escena por Juanma Lodo (música) e Sabela Domínguez (danza), Carrodeguas traza, así, unha exploración histórica da significación e transcendencia dea desposesión do cabelo, voluntaria ou non, nas mulleres. As entradas para este espectáculo xa está esgotadas.

Compartir: