XUNTA DE GOBERNO

Aprobada a convocatoria de subvencións destinadas ao fomento de actividades a prol da igualdade e á prevención das violencias machistas

20/05/2024 A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a convocatoria para a concesión de subvencións para o fomento de programas e actividades en prol da igualdade efectiva entre mulleres e homes e das persoas do colectivo lésbico, gay, bisexual, transexual, intersexual e queer (LGBTIQ+) e de prevención e loita contra as violencias machistas, para o ano 2024, que conta cun orzamento de 30.000 euros.

Poderá subvencionarse, ata esgotar o crédito dispoñible, o cen por cen do orzamento presentado polas entidades solicitantes, non podendo superar, en todo caso, a contía máxima da subvención por entidade de 2.800 euros. O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días naturais, contados a partir do seguinte á publicación da convocatoria no BOP. O programa divídese en tres liñas de subvención:

A liña 1 é a relativa a programas e actividades de fomento da igualdade efectiva entre mulleres e homes, que ten como obxecto apoiar a realización de actividades e o desenvolvemento de iniciativas que promovan a igualdade de xénero, entre elas: actividades de sensibilización e fomento da igualdade de oportunidades e de trato entre mulleres e homes; formación á poboación xuvenil en valores de igualdade de oportunidades para mulleres e homes; obradoiros en materia de igualdade, coeducación e prevención da violencia de xénero; actividades que fomenten a corresponsabilidade familiar e o cambio de condutas en materia de conciliación, e reparto de responsabilidades das tarefas doméstica e de coidado; accións relacionadas coa saúde da mulleres e o seu benestar xeral; formación en linguaxe non sexista; campañas de sensibilización sobre xoguetes non sexistas; actividades de información e sensibilización sobre roles e estereotipos de xénero, a súa repercusión na vida de mulleres e homes no espazo público e privado; accións sobre a educación en igualdade, dereitos, servizos e recursos para as mulleres; actividades para visibilizar o papel das mulleres na historia, na arte, na literatura, na política, na ciencia, no deporte,, etc.; actividades de formación e/ou información dirixidas ás mulleres do eido rural sobre melloras para o desenvolvemento deste sector produtivo;actividades de formación e de promoción do acceso e uso das novas tecnoloxías; ou actividades que promovan o empoderamento das mulleres.

A liña 2 refírse a programas e actividades de fomento da igualdade efectiva das persoas LGTBQI. O obxecto desta liña é o de apoiar a realización de actividades e desenvolvemento de iniciativas que promovan a igualdade de trato e a consecución dos dereitos do colectivo LGTBQI. Entre elas, as seguintes actuacións: actividades de sensibilización contra os estereotipos e prexuízos e de promoción da visibilidade e normalización dos dereitos das persoas LGTBQI; actividades de prevención da discriminación por razón de sexo, de orientación sexual ou identidade de xénero; actividades de información e sensibilización contra a LGTBIFOBIA; actividades dirixidas á prevención e loita contra o bullyng LGTBIFÓBICO; actividades que aborden o tratamento da diversidade sexual familiar e por razón de xénero, nos diferentes ámbitos sociais, ou calquera outra dirixida á consecución dos dereitos e liberdades do colectivo LGTBQI e da igualdade efectiva deste colectivo.

A liña 3, refírese a programas e actividades para a prevención das violencias machistas no municipio de Santiago. O obxecto desta liña é o de apoiar a posta en marcha e/ou o desenvolvemento de actividades e iniciativas conducentes a avanzar cara a unha cidade libre de violencias machistas.

Outros convenios

No ámbito da igualdade, o executivo local tamén deu luz verde ao texto de convenio entre o Concello e Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela pola contía de 30.000 euros para financiar o Programa Vagalume, unha iniciativa de acompañamento a mulleres en contextos de prostitución co obxectivo de prestar unha atención integral ás mulleres e lograr o seu empoderamento persoal, de saúde e socio-laboral.

Tamén se aprobou un convenio de colaboración para o ano 2024 entre o Concello de Santiago de Compostela e a Fundación Universidade de Santiago de Compostela pola contía de 9.000 euros para contribuír ao financiamento das actividades de ocio e tempo libre do Programa "Verán CampUSC 2024. Módulo de ocio e tempo libre".

Compartir: