DEPORTES

Compostela acolle esta fin de semana o I Campionato Galego de Billarda

16/05/2024 Este campionato, o primeiro destas características que se celebra nunha Comunidade Autónoma española, celebrarase o vindeiro domingo 19 de maio no campo de herba natural de Conxo a partir das 12:00 e contará arredor de 100 participantes dos máis de 200 federados/as en Galicia nesta disciplina deportiva.

A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, acompañada de Luís Fontán, vicepresidente da Federación Galega Deporte Autóctono, e de Manuel Rodiño, do Comité técnico Campionato Galego de Billarda, presentaron esta mañá en rolda de prensa o I Campionato Galego de Billarda que terá lugar este domingo 19 en Conxo.

A concelleira recordou que a billarda "é un deporte popular e tradicional que promove a actividade física e deportiva ao tempo que axuda a manter viva a nosa cultura e tradición" así como "unha modalidade deportiva pola Xunta de Galicia no ano 2020". Pilar Lueiro animou a toda a veciñanza a achegarse a Conxo a coñecer este deporte popular e tradicional.

A primeira edición do Campionato Galego de Billarda, o primeiro destas características que se celebra nunha Comunidade Autónoma española, contará este domingo coa participación de 100 xogadores/as dos 241 deportistas federados neste deporte. O obxectivo deste evento deportivo é "consolidar a práctica deste disciplina e achegala á xente máis nova", destacou Manuel Mariño que detallou que a billarda conta na actualidade en Galicia cunha porcentaxe de participación feminina dun 32% e un 21% das persoas federadas son rapaces/as de entre 6 e 16 anos.

Compartir: