PROMOCIÓN ECONÓMICA

O Servizo de Atención Temperá informa a educadores e familias sobre os problemas que afectan aos menores

24/05/2007 O Servizo de desenvolvemento infantil e atención temperá da Concellaría de Promoción Económica e Emprego, formado por unha psicopedagoga, 1 mestra de infantil e unha psicóloga, comezou o 23 de maio unha serie de sesións informativas en seis escolas infantís de Santiago, destinadas ás familias e aos educadores. Abordan tres temas: problemas de conduta, sobreportección de menores e adaptación á escola infantil.

A primeira acción informativa tivo lugar o 23 de maio, na sede do Servizo de desenvolvemento infantil e atención temperá, na rúa Pérez Constanti, número 4. Estaba dirixida a educadores e nais e pais da escola infantil El jardín de los mimos. O xoves 24 de maio, ás 19:00 horas, a equipa do servizo estará na gardería Santa Marta. As seguintes charlas desenvolveranse o 29 de maio en Mami, o día 30 de maio en Rubido Romero, o 5 de xuño e o 3 de setembro en Raiola, e o 7 de xuño en Cativos.

Os temas a tratar nas sesións informativas foron escollidos polas nais e pais dos menores, a través das respostas ao medio millar de enquisas elaboradas e repartidas nos centros polo Servizo de desenvolvemento infantil e atención temperá. Outros temas propostos foron a influencia dos medios de comunicación nos menores, hábitos alimentarios, xoguetes máis axeitados ou control de esfínteres, que non saíron elexidos.

Estas accións informativas están contempladas nos convenios de colaboración asinados polo Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias, con sete escolas infantís, as seis citadas máis Paparolo, para a implantación do Servizo de desenvolvemento infantil e atención temperá nos centros. A atención temperá é definida polo Real Patronato sobre Discapacidad como un "conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos que presentan os nenos con trastornos no seu desenvolvemento ou que teñen o risco de padecelos".

O obxectivo dos convenios é maximizar o potencial do menor e previr a aparición de problemas secundarios ou retrasos no seu desenvolvemento. Ademais de sesións informativas, os convenios recollen accións de asesoramento a educadoras/es e programas individualizados destinados a menores que presentan algún tipo de problema no desenvolvemento ou están en situación de risco de padecelo.

Compartir: