EIXO ATLÁNTICO

O Eixo Atlántico impulsa a participación das súas cidades nas Estratexias Territoriais Integradas (ETI)

09/05/2024 A reunión celebrouse en Carballo, municipio que presentou o Plan de Acción da súa Axenda Urbana e contou coa presenza do concelleiro de Economía e Facenda, Manuel César.

As Estratexias Territoriais Integradas (antigas Edusi) supoñen unha gran oportunidade de financiamento para o despregamento de actuacións de desenvolvemento urbano sustentable e céntranse no obxectivo político 5 dos fondos FEDER. Con motivo da súa inminente convocatoria, o Eixo Atlántico organizou unha sesión para informar os seus concellos para que presenten proxectos de calidade e con posibilidades de éxito.

Na reunión, celebrada en Carballo, participaron Luís Arechederra, conselleiro técnico na Subdirección Xeral de Desenvolvemento Urbano e Sonia Hernández, subdirectora adxunta de Políticas Urbanas, e contou coa presenza do concelleiro de Economía e Facenda, Manuel César.

Actualmente, o Ministerio de Facenda esixe que a cidade que opte a unha ETI debe ter unha Axenda Urbana cun plan de acción local propio, cuantificado e aliñado coa dobre transición (verde e dixital), ámbito no que o Eixo Atlántico é unha referencia xa que foi quen elaborou a primeira Axenda Urbana Transfronteiriza de Europa e asesorou a primeira Axenda Urbana Binacional de Mercosur. Outro dos requisitos durante estes anos foi que o municipio teña, como mínimo, 20.000 habitantes. En Galicia, ao contrario que en Portugal, non existe unha estrutura xurídica superior ás localidades (áreas metropolitanas, mancomunidades ou comarcas), o que impediu que municipios, capitais de comarca, do Eixo Atlántico de baixa densidade de poboación, como O Carballiño ou O Barco de Valdeorras, se candidaten a este financiamento.

Nesta convocatoria, por primeira vez, admítense candidaturas presentadas por cidades que sexan centro de áreas funcionais que, no seu conxunto, superen o 20 mil habitantes. Isto afecta positivamente a varias cidades galegas do Eixo Atlántico que, xeralmente, teñen maior problema para financiar políticas urbanas.

Neste contexto, o Eixo Atlántico leva traballando os últimos 5 anos nunha proposta, liderada por Alfredo García, alcalde do Barco de Valdeorras e vicepresidente do Eixo Atlántico, sobre as áreas funcionais. José Luís Méndez Romeu, corredactor da proposta e exsecretario de Estado de Cooperación Territorial, elaborou, xunto con Xosé Manuel Souto, catedrático de Xeografía e Historia, a "Proposta do Eixo Atlántico sobre Áreas Funcionais" para dar cobertura a estas posibles candidaturas, publicación que se presentou na xornada.

Para finalizar a sesión, o concelleiro de Innovación e Fondos Europeos do Concello de Carballo, Iván Andrade, presentou o Plan de Acción da Axenda Urbana de Carballo, un modelo de boas prácticas que servirá de axuda a outras cidades. A Axenda Urbana de Carballo pode consultarse nesta ligazón.

Compartir: