DEPORTES

O Polígono do Tambre acollerá unha carreira popular solidaria

23/05/2007 Un circuíto nas estradas do Polígono do Tambre será o escenario, o 17 de xuño, ás 11:30 horas, da I Carreira Solidaria "Polígono do Tambre". Esta proba foi posta en marcha pola organización non gobernamental, Intermón Oxfam, por iniciativa do atleta santiagués Pedro Nimo, e ten o obxectivo de recadar fondos para a construción dunha escola en Angola. A cita conta co patrocinio da Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre e coa colaboración da Fundación Compostela Deporte e do Concello de Santiago.

Todos aqueles que queiran colaborar coa iniciativa poden inscribirse para participar na carreira a través do portal de Internet www.championchipnorte.com, chamando ao teléfono 982 816 884, acudindo á tenda compostelá Amancio Deportes ou ás oficinas de Caixa Galicia (especificar "donativo carreira" facendo o ingreso no número de conta 2091/000/31/3040153300. O custo da inscrición é de tres euros, aínda que aqueles que queiran, poden incrementar a cantidade do donativo.

O atleta compostelán, Pedro Nimo, lembrou a "importante tarefa" que realizan as ONG`s como Intermón Oxfam, da que el tomou consciencia cando se contaxiou de malaria nunha proba no estranxeiro e ao mesmo tempo deu as grazas ao Concello de Santiago, á Fundación e aos empresarios do Polígono do Tambre polo apoio económico para a celebración da carreira: "Quero darvos as grazas a todos, porque esta é unha idea que xorde dunha mala experiencia, e aínda que pareza raro, tiven que coller a malaria para idear unha iniciativa desde tipo".

Nimo explicou que: "Non se trata dunha carreira competitiva, senón para gozar do atletismo e do deporte en xeral, e que mellor maneira de facelo que axudando a alguén. Penso que é unha xornada que será para gozar axudando, sen máis. Pódese facer camiñando. O que se trata é de que participe o maior número de persoas de Santiago, de Galicia ou de onde queiran vir. Todo o mundo sempre é benvido nesta cidade e anímaos a participar e facer un donativo o máis grande posible, na medida de cada un".

Pola súa banda, o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, Jesús Chenel, subliñou que a súa entidade, "poñerá todo para intentar que todos os traballadores do Polígono participen na cita". Finalmente, o vicepresidente da Fundación Compostela Deporte e concelleiro de Deportes, Manuel Portas, lembrou que é unha cita que "vincula o deporte cunha finalidade de carácter social para dotar de recursos a Intermón Oxfam. Nun evento que, por outro lado, ten o obxectivo de gozar dun día de deporte nunha carreira que non é competitiva, senón simbólica". A presentación tamén contou coa presenza do crossista vigués Alejandro Gómez, varias veces campión de España, e do xerente da Fundación Compostela Deporte, Santiago Araújo.

Compartir: