DEPORTES

Aberta ata o 14 de maio a inscrición para a X Carreira Camiño das Letras que conta co apoio do Concello de Santiago

10/05/2024 A X Carreira Camiño das Letras celebrarase o vindeiro 17 de maio con dúas rutas diferentes, unha de 15 km, que percorrerá a Ruta da Prata desde o Pico Sacro á Cidade da Cultura, e outra de 5 km, na propia contorna do Gaiás. Tamén haberá circuítos na Cidade da Cultura para a rapazada, que poderá participar nalgunha das catro categorías habilitadas por idades (de sub 6 a sub 16). As persoas participantes poden inscribirse ata o 14 de maio en www.carreirasgalegas.com e todas recibirán un libro de agasallo.

O Concello de Santiago colabora un ano máis coa Carreira Camiño das Letras, unha proba cultural e deportiva impulsada por Xurdir co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, por medio da secretaría xeral da Lingua e da dirección xeral de Cultura, que ten por obxectivo celebrar as Letras Galegas e poñer en valor o Camiño de Santiago a través do deporte. Os detalles da proba foron anunciados esta mañá nunha rolda de prensa na que participou a concelleira de Deportes, Pilar Lueiro e que contou coa presenza do director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo Suárez; a directora-xerenta da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez Reboredo; o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro; o presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín, e o director-xerente de Xurdir e director técnico da carreira e responsable da seguridade vial, Ignacio Seijo Vázquez.

A X Carreira Camiño das Letras, que como cada ano forma parte do calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, constará de dúas probas absolutas nas que poderán participar atletas federados ou sen federar, unha de 15 km, que partirá ás 10:00 horas do Pico Sacro e percorrerá a Ruta da Prata ata a Cidade da Cultura, e outra de 5 km, que comezará ás 10:05 horas no Gaiás e seguirá un circuíto polo Bosque de Galicia.

Ademais, a partir das 12:00 horas, a rapazada tamén poderá participar desta celebración nalgún dos circuítos habilitados na Cidade da Cultura, que van desde a categoría sub 6 á sub 16.

As persoas interesadas poderán inscribirse na páxina web www.carreirasgalegas.com ata o martes 14 de maio ás 23,50 horas. Despois, poderán recoller os seus dorsais na sede de Xurdir, en Santiago de Compostela, momento en que recibirán como agasallo un libro e o diploma Camiños das Letras. Ademais, o día das probas haberá servizo de autobuses e gardarroupa desde a Cidade da Cultura ao Pico Sacro.

As tres primeiras persoas clasificadas das proba de 15 km e 5 km recibirán cadanseu trofeo especialmente deseñado para a proba mais un lote de libros; as tres primeiras clasificadas de cada unha das restantes categorías recibirá un lote de libros, e o club federado e o colexio do que máis atletas rematen as probas recibirán un trofeo e un lote de libros.

Compartir: