SUSTENTABILIDADE AMBIENTAL

O Concello de Santiago instala un 'hotel de polinizadores' para incrementar a produción de cultivos de froitas e de horta

10/05/2024 A Concellería de Sustentabilidade Ambiental instalou un hotel de polinizadores no parque de Vista Alegre, na antiga Finca Simeón, para favorecer a interacción de insectos beneficiosos para as plantas e a polinización de cultivos de cara a mellorar a saúde do ecosistema.

Segundo explicou o concelleiro de Sustentabilidade Ambiental, Xesús Domínguez, este proxecto xorde da colaboración co Museo de Historia Natural e co Centro Integrado de Formación Profesional Politécnico de Santiago, "que foi onde o alumnado construíu o módulo que dará acubillo a insectos de distintas variedades que son indispensables para conservar a biodiversidade".

Este hotel de polinizadores de Santiago de Compostela, que está inspirado no do Museo de Historia Natural de París, estará operativo a inicios deste verán, logo dun obradoiro previsto para o 18 de maio para colocar diversos elementos de madeira no seu interior atraentes para que pernocten, instalen os seus niños e poidan criar as variedades de insectos beneficiosos para a produción hortofrutícola.

Estes insectos, ademais de interactuar na fecundación das plantas, axudan a controlar outras pragas, serven de alimento para paxaros e melloran a fertilidade do solo. Nas inmediacións tamén está previsto sementar plantas con flores e aromáticas que contribúan de xeito positivo ao seu funcionamento natural e a mellorar a saúde do ecosistema.

"Esta intervención é paralela á estratexia de deixar medrar as flores de tempada nos prados e nas zonas verdes urbanas, en vez das cortas efectuadas a ras de chan, para permitir que boten semente e favorecer a biodiversidade, faise tanto por cuestión estética como para reducir custos de mantemento, pechando o ciclo produtivo coa polinización das hortas e das árbores de froita", explicou o concelleiro.

Compartir: