TURISMO

Axentes de viaxe norteamericanos celebran a súa convención en Santiago

23/05/2007 Turismo de Santiago recibiu a un grupo de 60 axentes de viaxe hispanos afincados en Estados Unidos, pertencentes á ALTA (American Latin Travel Agents in America,) que celebra a súa convención 2007 na capital galega.

Os axentes de viaxe chegaron a Santiago o martes 22 de maio e permanecerán na cidade ata domingo 27, cun programa turístico e profesional que inclúe a celebración da súa convención anual 2007.

O día da súa chegada os visitantes foron recibidos polo concelleiro de Turismo compostelán, Francisco Candela, quen presidiu a cea de benvida ofrecida por Turismo de Santiago no Hotel NH Obradoiro.

Durante a súa estanza, organizada por Turgalicia e pola Oficina de Turismo de España en Nova York, e patrocinada por empresas como Amadeus, American Airlines, Continental Airlines e as OETS de Miami, Os Ánxeles e Chicago, entre outras, os axentes gozarán de diversas visitas turísticas para coñecer Santiago de Compostela e Galicia e reforzar a súa promoción entre a poboación hispana de Estados Unidos.

O xoves 24 de maio celebrarase no Hotel NH Obradoiro a Convención ALTA 2007, cunha sesión xeral seguida de presentación da OET e Turgalicia, e seminarios de diferentes proveedores e compañías patrocinadoras. Ás 11:30 h. terá lugar a presentación de Santiago de Compostela como destino turístico, a cargo de Iñaki Gaztelumendi, xerente de Turismo de Santiago.

Compartir: