CENTROS SOCIOCULTURAIS

Noites de música na terraza da Trisca

23/05/2007 A concelleira de Centros Socioculturais, Guadalupe Rodríguez presentou o ciclo de concertos "Noites de música na terraza". Terán lugar no Centro Sociocultural da Trisca os días 24 de maio, 7 e 21 de xuño e 12 de xullo, ás 22:00 horas.

Estes concertos abrirán un espazo novo no centro, a terraza, un lugar ideal para realizar actividades pola súa situación e as súas vistas. Deste xeito, durante catro noites, unhas 40 persoas poderán escoitar música neste marco privilexiado.

Abrirá o ciclo de concertos, o 24 de maio, o grupo Rukh. Formado en 2006 por dous músicos galegos, un belaruso e un ucraíno, nos seus concertos recrean, sempre cun carácter propio, un amplo abanico de sensacións provenientes do lonxano oriente, do Cáucaso e dos Cárpatos. A continuación, o 7 de xuño, a terraza acollerá unha actuación denominada "Bailando coa voz", que contará coa voz de Carmen Dor e a danza de Martha Franco.

O seguinte concerto, o 21 de xuño, será o do cantautor Xoan Curiel, un artista con anos de experiencia actuando en pubs, teatros e festivais. Amosará un repertorio marcado pola influencia de ritmos étnicos latinos, da África subsahariana e, por suposto, da música tradicional galega. Rematará o ciclo, o 12 de xullo, Megaloves, un dúo de guitarra eléctrica e voz que fan versións de country, blues e rock, versionando a cantantes como Johnny Cash..

Compartir: