ALCALDÍA

O Concello comprométese coa Arquiconfraría a axilizar os trámites necesarios para que a cidade teña albergue de peregrinos en 2009

23/05/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o presidente da Xunta Central da Arquiconfraría Universal do Apóstolo Santiago, Agustín Dosil Maceiras, veñen de asinar un protocolo de colaboración no que se plasma o firme compromiso do Concello de axilizar a modificación puntual do Plan especial de protección e rehabilitación da Cidade Histórica, actuación necesaria para construír un albergue de peregrinos na parcela do Seminario Menor, en Belvís. No acto de sinatura presentouse tamén a maqueta do edificio.

No protocolo recóllese a vontade de ambas institucións de levar adiante o proxecto de construción dun albergue de peregrinos. Neste marco, a Xunta Central da Arquiconfraría do Apóstolo Santiago, considera que sería un lugar idóneo para tal fin a parcela na que se sitúa o Seminario Menor, por estar en contacto inmediato coas rutas de chegada dos peregrinos e ser un espazo idóneo de recepción.

Esta característica, unida á súa singular topografía, que converte a finca non só nun miradoiro natural, senón tamén nun espazo altamente visible dende moitos puntos da nosa xeografía, aconsellan tamén un tratamento singular e altamente cualificado da posible intervención futura.

Non obstante, a actual cualificación deste espazo no Plan especial de protección e rehabilitación da Cidade Histórica non permitiría a construción do albergue. Por isto, alcalde indicou que "haberá que tramitar unha modificación" unha vez se produza o oportuno dictame técnico favorable e o debido consenso. Sánchez Bugallo apuntou que "a ubicación en Belvís paréceme excelente, por estar conectada co Camiño de Santiago e pola conexión que se establecerá ao estar mirando ás Brañas do Sar e á Cidade da Cultura".

Pola súa parte, Agustín Dosil destacou a importancia do acordo para lograr un albergue "necesario para Santiago", cidade que non conta aínda cun albergue de peregrinos propiamente como tal. O obxectivo, dixo, é que se inaugure en 2009 para que poida estar listo no Xacobeo do ano seguinte.

A Arquiconfraría presentou un estudo que contempla as propostas de implantación de usos sobre as edificacións existentes e unha maqueta do proxecto. Pola súa banda, o Concello comprométese a analizar e estudar a proposta presentada e a formular unha consulta ás administracións con competencias sectoriais que haberán de pronunciarse sobre ela. Unha vez obtido o consenso, o alcalde comprométese a tramitar, coa maior celeridade posible, a correspondente modificación puntual do Plan especial de protección e rehabilitación da Cidade Histórica, que posibilite a súa execución.

No caso de que haxa dificultades insalvables na tramitación da modificación pertinente, o Concello comprométese a facilitar outros terreos alternativos para a construción do albergue.

Compartir: