FESTAS

FESTA DO BANQUETE DE CONXO 2024

09/04/2024 A V Festa do Banquete de Conxo celebrarase este ano o venres 24, sábado 25 e domingo 26 de maio na carballeira do Banquete de Conxo e na praza Aurelio Aguirre. Consulta nesta páxina toda a información.

O día grande da festa, o domingo 26 de maio, arrancará co desfile "Alá van estudantes e artesáns" que partirá da praza do Toural e percorrerá as rúas de Compostela baixo a coordinación artística dos Quinquilláns, ata chegar á praza de Conxo, onde terá lugar lectura do pregón. A continuación a comitiva dirixirase á carbarlleira de Conxo no que se fará unha representación teatral do Banquete de Conxo para dar paso ao tradicional xantar e romaría popular cos brindes de veciños e veciñas.

Pola tarde celebrarase "O serán da Fraternidade", unha foliada que estará amenizada por música e bailes tradicionais, seguido polo pregón de despedida da Festa.

5º Mercado do Libro

O quinta edición deste popular mercado terá lugar o sábado 25 e o domingo 26 na praza Aurelio Aguirre. Librarías, editoriais e outros sectores vinculados ao mundo do libro e da ilustración, interesados en expoñer os seus produtos no mercado poderán presentar a súa solicitude a través do trámite "Autorización da ocupación da vía pública para actividades varias" na sede electrónica do Concello de Santiago ata o 8 de maio. Pódese consultar o procedemento de solicitude no apartado 5 das instrucións anexas.

Tamén se poderán propoñer actividades complementarias como recitais, breves presentacións literarias ou artísticas e similares. No caso de superarse o número de postos dispoñibles, a organización seleccionará os participantes por estrito orde de rexistro das súas solicitudes.

Para solicitar información complementaria, os potenciais expositores poden consultar as bases que se achegan a esta nova ou dirixirse aos correos electrónicos comercio@santiagodecompostela.gal.

O mercado contará este ano tamén cunha mostra de oficios tradicionais, coa exhibición en vivo do traballo de artesáns de diferentes oficios tradicionais tales como a forxa, orfebrería, coiro ou cerámica, entre outros.

Ademais, as persoas interesadas na instalación de postos de polbo con carpa, tamén deberán tramitar a súa correspondente autorización de ocupación da vía pública na zona asignada a tal efecto no recinto do Bosque do Banquete, a través da sede electrónica. A data límite de presentación de solicitudes será o 13 de maio.

Deporte e cultura

Este ano sumarase ao programa a Carreira de Orientación da Festa do Banquete, organizada polo Departamento de Deportes e que terá lugar o sábado 25 de maio ás 11 horas con saída dende a praza Aurelio Aguirre e percorrido polo bosque do Banquete. Trátase dunha proba non competitiva, con opcións e categorías para todas as idades e niveis, e nas modalidades individual ou grupal para fomentar a participación de familias.

Para participar nela, é preciso inscribirse na categoría e modalidade que máis se adapte a cada participante, a partir do vindeiro luns 6 de maio na páxina web xestanatureza.com.

O mesmo día a partir das 21 horas será a quenda dos versos coa celebración dunha nova edición da Festa da Poesía que reunirá no escenario grupos musicais e poetas da escena local e será conducido pola actriz, dramaturga e autora Lorena Conde.

Tren do Banquete de Conxo

O sábado e domingo, veciños e visitantes poderán tamén desfrutar dun percorrido especial e gratuíto do tren turístico, decorado para o ocasión con motivos da Festa do Banquete de Conxo.

Os traxectos, de ida e volta, terán como punto de partida a Alameda (parada Aurelio Aguirre) e chegarán á praza de Martín Herrera (parada Rosalía de Castro) no barrio de Conxo, con prioridade de acceso para as familias con nenos, as persoas con mobilidade reducida e persoas vestidas de época. Pódese consultar as horas de saída desde os dous puntos no programa.

Outras novidades

A quinta edición da Festa do Banquete de Conxo, en cuxa organización están a traballar varios departamentos do Concello de Santiago en colaboración coa veciñanza, contará este ano como novidade coa participación de Marrozos, tras a incorporación o pasado ano do barrio de Sar e da parroquia de Villestro.

O día grande será o domingo 26 de maio co desfile teatralizado do Banquete que percorrerá as rúas de Compostela, baixo a coordinación artística de Os Quinquilláns. Pola tarde celebrarase 'O serán da Fraternidade', cun xantar colectivo na carballeira de Conxo seguido por unha foliada que estará amenizada por música e bailes tradicionais, na que se convida a todas a veciñanza a caracterizarse para a ocasión.

Como participar?

Entre as opcións están a de sumarse como actor ou actriz ás distintas accións teatrais que coordina a compañía dos Quinquilláns ou colaborar na organización e preparación da Festa do Banquete. Para isto é preciso poñerse en contacto co Centro Sociocultural de Conxo no correo csconxo@santiagodecompostela.gal ou ben no teléfono 981528740.

Este ano tamén se fai un especial chamamento a aqueles mozos e mozas que queiran caracterizarse como estudantes para participar nunha recreación concreta que terá lugar dentro do Desfile do domingo. Ademais todas as propostas de música de autor, hip hop ou poesía por parte da mocidade que queiran estar presentes na Festa tamén poderán remitirse a csconxo@santiagodecompostela.gal.

Outra das opcións é de colaborar como persoa voluntaria durante o desenvolvemento da Festa do Banquete, escribindo un correo a voluntariadobanqueteconxo@gmail.com.

O Serán da Fraternidade do domingo 26 estará amenizado pola música e ao baile tradicional, polo que a participación de grupos locais de música ou baile ou de canto de taberna dos barrios e parroquias serán benvidas. Ademais, os concelleiros animaron a todas as persoas que que acudan á romaría a vir vestidas de época á Festa do Banquete.

Para a confección da vestimenta, os CSC de Santiago ofrecerán obradoiros de vestimenta tradicional, impartidos pola Asociación do traxe e de vestimenta de época con Bety Busto, costureira especialista. Ademais os Centros Socioculturais do Ensanche, Laraño, Conxo e Marrozos acollerán varias sesións informativas sobre a vestimenta e os obradoiros nas vindeiras semanas.

O CSC de Conxo tamén acollerá un obradoiro de baile tradicional impartido pola Asociación Cultural Pena Maior de Marrozos dirixido a todas as persoas interesadas. Esta formación terá lugar o vindeiro 24 de maio ás 18:30 na praza Aurelio Aguirre.

Compartir: