UMAD

O Concello de Santiago empraza a Xunta a asumir os compromisos para a prestación do servizo da UMAD

05/04/2024 A concelleira responsable da UMAD, Pilar Lueiro, participou nunha reunión con representantes da FEGAMP en que, por unanimidade, os concellos rexeitaron o novo convenio proposto pola Xunta dirixido a sufragar os gastos deste servizo porque afecta de xeito negativo ao seu mantemento. A administración galega só concede o 70% do custo da UMAD e pretende aplicar un pagamento fraccionado, cando se trata dunha competencia autonómica da que tiña o compromiso de asumir en xaneiro de 2024 a súa xestión.

Esta posición adoptouse nunha xuntanza mantida na FEGAMP en que participaron os trece concellos con UMAD: Carballo, Noia, Ribeira e Santiago de Compostela (A Coruña); Burela e Monforte de Lemos (Lugo); Ourense (Ourense); Cangas, O Grove, Pontevedra, O Porriño, Vigo e Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

Nesa reunión avaliouse negativamente a proposta recibida desde a Xunta de Galicia para o novo convenio, en que o importe previsto para os custos do servizo apenas supera os 4 millóns de euros anteriores, o que supón aproximadamente o 70% do gasto total que teñen as UMAD, que a propia Xunta de Galicia recoñece como competencia autonómica, pero que finalmente teñen que volver a ser os concellos os que garanten a prestación do servizo achegando recursos propios.

A proposta de novo convenio aínda empeora as condicións anteriores, xa que segue sen cubrir o total do custo e para 2024 a Xunta de Galicia pretende diferir o pagamento en dous prazos condicionados. Isto supón que os concellos con UMAD non só terían que financiar boa parte dun servizo que é competencia autonómica, senón que tamén deberían agardar máis tempo e realizar dúas xustificacións para poder recibir a contía económica desde a Xunta de Galicia.

Asunción de competencias

Ante esta situación, os concellos decidiron rexeitar esa proposta que empeora as condicións do convenio anterior e denunciar publicamente o incumprimento permanente por parte da Xunta de Galicia dos compromisos adquiridos en xuño de 2022, nun cronograma que prevía a asunción das UMAD en xaneiro de 2024 despois da aprobación do decreto de transferencia en decembro de 2023.

Estes compromisos foron froito de máis de 25 xuntanzas mantidas coa Consellería de Sanidade desde a FEGAMP e os 13 concellos que dispoñen de UMAD, e da resolución aprobada no Parlamento de Galicia en marzo de 2021, en que se "insta á Xunta de Galicia a que se acorde coa FEGAMP o mecanismo para iniciar o procedemento de incorporar ao Servizo Galego de Saúde os profesionais e servizos sanitarios de saúde mental que prestan os servizos dependentes das administracións locais, para ordenar a atención e que dependa do organismo competente en asistencia sanitaria, que é a administración autonómica".

Compartir: