PROMOCIÓN ECONÓMICA

Cincuenta e unha persoas acceden ao mercado laboral a través do Persoa III

21/05/2007 Cincuenta e unha persoas que participan no Proxecto Persoa III, posto en marcha pola Concellaría de Promoción Económica e Emprego, accederon ao mercado laboral. Esta cifra representa o 57% do total. Destas 51 persoas, 47 están traballando na actualidade, e as outras catro traballaron en algunha fase do proxecto.

Neste programa experimental participan 90 usuarias/os (84 mulleres e 6 homes), que reciben formación en seis especialidades. Cada un dos cursos ten unha duración de nove meses: tres de docencia, tres de prácticas en empresas e tres de inserción laboral. Por cada un dos cursos hai 15 persoas.

O Proxecto Persoa III comezou en marzo de 2006 e remata o 15 de xuño de 2007. O seu obxectivo é promover a integración laboral de colectivos con dificultades para acceder ao mercado de traballo (mulleres, mozos en emprego anterior, desempregados maiores de 45 anos, emigrantes retornados, etc.) a través da súa participación nun proceso integral de inserción. Os usuarios reciben formación, realizan prácticas en empresas e son apoiados ao longo do proceso de inserción no mercado laboral.

O proxecto, ademais da formación teórica, contempla actividades complementarias para facilitar o acceso ao mercado de traballo. Estas actividades son un proceso de orientación socio-laboral guiado por titores, formación ocupacional experimental, formación nas habilidades sociais básicas para a procura de emprego, prácticas en empresas, alfabetización informática, sensibilización medioambiental, igualdade de xénero e acompañamento para a inserción.

O programa imparte formación en seis especialidades centradas no sector de servizos de atención a persoas maiores, nenas/os, e discapacitados, que constitúen un novo xacemento de emprego. Na selección dos cursos tívose en conta o Estudo prospectivo sobre os recursos e necesidades existentes en Santiago no ámbito da atención ás persoas maiores e/ou dependentes, elaborado en 2005 por Promoción Económica.. Tamén influíu a demanda de formación nestas áreas. Para o Persoa III presentáronse 337 solicitudes.

Compartir: