CONSORCIO

A rehabilitación integral da Casa do Deán permitirá unha mellor atención ao peregrino

21/05/2007 A Casa do Deán, un dos edificios máis emblemáticos de Santiago e catalogado como edificación monumental, vai ser rehabilitado polo Consorcio de Santiago. Trátase de dignificar o espazo de acollida e recepción de peregrinos.

Esta actuación recóllese nun convenio asinado polo presidente do Consorcio e alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e polo arcebispo de Santiago, Julián Barrio. Segundo o mesmo, o Consorcio procederá á redacción da primeira fase do proxecto de restauración e rehabilitación do edificio, que comprende a planta baixa e o patio da parra, a actual Oficina do Peregrino e as dependencias anexas ao patio, cunha superficie útil total de 830 metros cadrados. O obxectivo, segundo indicou Sánchez Bugallo, é que estea todo listo para antes do vindeiro Ano Xacobeo, en 2010.

As obras comprenderán dous niveis de intervención. Por un lado, farase unha intervención lixeira nos espazos ocupados actualmente pola Oficina do Peregrino, con pequenos arranxos e traballos de pintura e acondicionamento de despachos. Por outra parte, realizarase unha intervención máis intensa no patio e nas dependencias anexas para instalar a nova Oficina do Peregrino.

O importe total da actuación estímase en 600.000 euros. O Cabildo, en contraprestación, cederá ao Consorcio de Santiago en usufruto un local de 15 metros cadrados, que en ningún caso será superior aos 15 anos nin inferior aos 12 anos. O alcalde indicou que este local destinarase a "actividades de promoción e comerciais do casco histórico", na liña de dinamización dos usos desta parte da cidade.

Sánchez Bugallo explicou que este convenio "continúa a liña de colaboración coa Igrexa para rehabilitar o patrimonio da súa propiedade e cualificado como nivel 1 nas políticas de rehabilitación do casco histórico". Neste sentido, citou as actuacións en máis de 40 edificios, entre eles 29 igrexas parroquiais.

Pola súa parte, Julián Barrio, agradeceu "a sensibilidade e a preocupación do Consorcio co Arcebispado" e apuntou a dobre finalidade da actuación: a posta en valor do edificio e a mellora da acollida aos peregrinos que chegan a Santiago.

Edificio histórico

A Casa do Deán foi construída entre 1747 e 1753 polo arquitecto Clemente Fernández Sarela, por iniciativa do Mestrescola Diego Juan de Ulloa. É de sillería de granito e cubertas de tella. Ten tres plantas. A decoración céntrase no portalón de entrada e ascende ata a primeira planta. O piso superior consta de balcóns con balaustradas de forxa.

Nesta casa hospedábanse os bispos forasteiros que visitaban a cidade. Posteriormente foi destinada ao uso dos deáns da Catedral. Actualmente utilízase como Oficina do Peregrino. Alí faise entrega da Compostela do Cabildo Catedralicio, acreditación que obtén quen fai o Camiño de Santiago.

Compartir: