CENTROS SOCIOCULTURAIS

O CSC Maruxa e Coralia retoma o seu programa de roteiros para redescubrir Compostela

22/03/2024 O Centro Sociocultural Maruxa e Coralia pón en marcha un novo programa de roteiros pola cidade histórica, que se desenvolverá ata o próximo mes de xullo. A iniciativa, aberta a toda a cidadanía e de balde, ten o obxectivo de que a veciñanza de Santiago coñeza mellor a riqueza histórica, patrimonial e cultural da zona vella.

A primeira cita será o próximo martes, 26 de marzo, cun percorrido guiado pola exposición de Paco Pestana na Fundación Granell. A saída será ás 18.00 horas desde o CSC da praza de Salvador Parga. Xa no mes de abril están previstos dous percorridos, un deles para redescubrir as prazas máis emblemáticas de Santiago na contorna da Catedral, incluíndoun paseo polos tellados da basílica; e outro, denominado "Santiago Utopía", que se presenta como "un paseo diferente pola cidade histórica para soñar o seu futuro". Serán os días 26 e 30, respectivamente.

En maio, o programa de roteiros desde o CSC Maruxa e Coralia achega outras dúas propostas. O día 2 de maio haberá un percorrido polas fontes históricas da zona monumental, guiado por Eduardo Beiras; e o 18 de maio desde o centro socicultural organízase unha visita guiada a Ferrol, vinculada ao Ano de Torrente Ballester que se conmemora neste 2024.

Xa no mes de xuño, o día 7 haberá unha andaina pola cidade seguindo a pegada do escultor Francisco Asorey; e o sábado 22 a saída programada desde o centro sociocultural Maruxa e Coralia estará vinculada á celebración do San Xoán, para a recollida das herbas que manda a tradición. Por último, o programa de oteros pecharáse o 5 de xullo cunha andaina pola Alameda de Santiago, para coñecer mellora súa historia e o seu valor artístico e natural.

Documentos relacionados



Compartir: