PERSOAL

A oferta de emprego do Concello para 2007 inclúe dez novas prazas

21/05/2007 A Xunta de Goberno local aprobou a oferta de emprego do Concello para o ano 2007. Trátase de nove prazas de funcionario de carreira e unha de persoal laboral.

Das nove prazas de persoal funcionario de carreira, dúas son de técnico de administración xeral, tres de músico, unha de arquitecto técnico, unha de topógrafo, outra de policía e outra de bombeiro condutor.

En canto ao persoal laboral, convócase unha praza de educador familiar. Ademais, sácanse outras oito prazas de promoción interna. A mesma Xunta de Goberno aprobou as bases específicas de cada unha das convocatorias referidas.

Reparto do 1% da masa salarial

Por outra parte, aprobouse a distribución individualizada do 1% da masa salarial, destinada ao pagamento de dúas pagas adicionais nos meses de xuño e decembro. O obxectivo é facer posible un incremento do complemento específico que permita a súa percepción en 14 pagas ao ano en sucesivos exercicios. O reparto farase de xeito lineal, de modo que no ano 2007 cada funcionario ou traballador percibirá unha cantidade de 295,88 euros ao ano, ou 147,94 euros cada semestre.

Compartir: