CAPITAL CULTURAL

A sétima edición do ‘Alguén que respira!’ pon o foco na poesía en territorio de conflito

19/03/2024 Do 21 ao 23 de marzo, o festival converte Compostela na cerna da poesía en Galicia, cun amplo abano de actividades arredor da palabra e da música. O xornalista Alfonso Armada será o encargado de dar lectura ao manifesto que escribiu para conmemorar o Día Mundial da Poesía deste 21 de marzo. O Festival ‘Alguén que Respira! Poesía para corpo principal’ é unha iniciativa da Concellaría de Capital Cultural do Concello de Santiago, que conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e co apoio da USC.

Poetas, xornalistas, activistas, axentes de cooperación e artistas do mundo da escrita e a música reuniranse en Compostela do 21 ao 23 de marzo con motivo da sétima edición do festival ‘Alguén que Respira! Poesía para corpo principal’, unha iniciativa da Concellaría de Capital Cultural do Concello de Santiago, que conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e co apoio da Universidade de Santiago de Compostela. Fiel á súa vocación de crear un marco de reflexión sobre a realidade e a sociedade actual, o festival terá este ano como eixo temático a poesía en territorio conflito, con especial atención ás áreas de enfrontamento bélico, pero tamén as tensións sociais, as das identidades ou as que suceden no corpo. Recitais, concertos e faladoiros ocuparán Teatro Principal e a Igrexa da Universidade en tres días de programación intensa que encherán estes espazos de palabra e música.

A nova edición desta cita que fai de Compostela o centro galego da poesía foi presentada este martes na Casa do Concello nunha rolda de prensa na que participaron a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez, e o director do festival, Antón Lopo.

Tras agradecer a colaboración das institucións participantes, Míriam Louzao salientou a fondura desta "proposta que nos permitirá afondar no valor da poesía como resistencia, como ferramenta contra as opresións, contra a inxustiza e as tiranías; como activo para favorecer o cambio social e prender a esperanza tamén en tempos de conflito e de loita".

Na mesma liña, o secretario xeral de Política Lingüística puxo en valor o papel da poesía alén da súa compoñente estética, salientando o seu "impacto social e educativo", que considerou especialmente necesario nestes tempos nos que "asistimos á confluencia de tensións e xeopolíticas que nos teñen que facer reflexionar sobre a necesidade de entendernos e buscar a paz". Valentín García aplaudiu tamén a oportunidade que o Respira! ofrece á lingua galega para "fomentar a súa proxección internacional e cara a outras estéticas e sistemas literarios e culturais".

Antón Lopo recoñeceu que a sétima edición do festival está a ser "a máis conflitiva" das desenvolvidas até o momento pola temática escollida para establecer ese marco de reflexión e, nese senso, remarcou que "o feito de que estean no cartel do festival un poeta palestino como Bitari e unha poeta hebrea como Tal Nitzan é para nós unha satisfacción, pois o obxectivo máximo é que a poesía sirva de ámbito de encontro, de ámbito de paz".

Tres días de intensa actividade poética

A lectura do manifesto do Día Mundial da Poesía, este xoves 21 ás 19.30 horas dende os balcóns do Teatro Principal e a cargo do xornalista vigués Alfonso Armada, dará paso ao recital inaugural da sétima edición do Respira! que, baixo o título ‘Poesía para corpo principal’, se desenvolverá no interior do teatro. A palabra do portugués André Tecedeiro, figura central do activismo trans no país veciño e do ámbito performático europeo, comparte sesión coa proposta híbrida entre música e poesía da investigadora e poeta catalá María Sevilla e coa fascinante proposta sonora do aragonés Gustavo Giménez. A pacifista hebrea Tal Nitzan súmase tamén a este recital que brindará, ademais, a oportunidade de asistir a unha experiencia única como é a improvisación de jazz de Abe Rábade xunto á súa irmá María do Cebreiro a partir de poemas de A lentitude.

O poeta palestino Mohamad Bitari encabeza o cartel do encontro ‘A palabra percórreme a pel como beliscos de lume’ do venres 22 ás 20.00 horas no Teatro Principal. Canda a súa, haberá ocasión de escoitar outras voces de territorios xeográficos distantes que viven, dende hai anos, en medio de escaladas bélicas e procurar ámbitos de reflexión e de encontro. Recitarán daquela Hasmik Simonian, Nigar Arif, Zara Hasnaui, Karima Ziali e Hekin Sefkan, na compaña de Isabel Martín e Samuel Merino.

O sábado 23, a acción músico-poética trasládase á Igrexa da USC, que acollerá a partir das 20.30 horas as actuacións de Guadi Galego con Su Garrido, da poeta e música aranesa Alidé Sans, da rapeira malagueña Eskarnia e do dúo valenciano de tecno-poesía No Poet. A sesión ofrecerá tamén a oportunidade de escoitar os versos de Aroa Misa, Claudia Romero e Serxio Abalo, gañadoras da segunda edición dos premios Respira! para o estudantado.

As mañás do ambigú

Como cada ano, o festival reserva un espazo específico no seu programa para os faladoiros que abren a grella de actividade e serven de limiar aos recitais. A sección ‘As mañás do ambigú’ reunirá a partir das 12.30 horas neste espazo de conversa do Teatro Principal xornalistas, poetas, investigadoras, activistas e correspondentes de prensa para reflexionar e debater sobre o panorama dun planeta en conflito multipolar. O xornalista e poeta Alfonso Armada e a tamén xornalista e tamén poeta Carmen Villar inaugurarán a sección o xoves 21. O venres 22 será quenda para a reporteira Cristina Sánchez e Iván Prado, responsable da asociación Pallasos en rebeldía. O sábado 23 tomaranlles o relevo o xornalista Caetano Díaz e o director do Instituto Galego de Documentación Internacional (IGADI) Daniel González Palau.

Atravesei a cerca

Mantense tamén a xa habitual sección ‘Atravesei a cerca’, unha iniciativa que fai de todo o Teatro Principal un espazo para a poesía. O sábado 23 a partir das 18.00 horas permitirá que as persoas asistentes escoiten as propostas de Olalla Cociña, Dores Tembrás, José María Cumbreño e Luís López Alonso con Rafael Mallo, ao tempo que exploran ámbitos de acceso restrinxido como o faiado do teatro, os camerinos ou as terrazas.

Premios Respira

Por segundo ano, o festival Alguén que respira! convocou un premio para o estudantado de Galicia co gallo de fomentar a poesía no impulso das ideas e facer do galego un idioma de intercambio cultural. Máis dun cento de propostas concorreron á convocatoria desta edición que tiña como lema central ‘A guerra fronte á construción da paz’ e distinguía catro categorías: para estudantado de primaria, de ESO, de bacharelato-ciclos formativos de primeiro grao, e de universidade e ciclos formativos de 2º grao (con dotacións de 200, 300, 400 e 600 euros, respectivamente). O xurado conformado por Iris Cochón, Anxos Sumai e Soedade Noia, con Antón Lopo como secretario, salientou a calidade e elevada participación do estudado de primaria ao tempo que decidiu declarar deserta a categoría de bacharelato e ciclos formativos de 1º grao. Así as cousas, resolveron conceder os premios a Aroa Misa García, de quinto de primaria, co seu poema Si e non; Claudia Romero Dorna, estudante de ESO, por Danza dos corpos inertes; e o estudante universitario Serxio Abalo por Uxío. Os premios serán entregados no recital de clausura do festival o sábado 23.

Entradas

Todas as actividades son de balde, previa retirada de convites (máximo dous por persoa) na web compostelacultura.gal ou no despacho de billetes da Zona C· Punto de Información Cultural. Tamén se poden retirar no despacho de billetes do Teatro Principal dende unha hora antes do comezo de cada un deles. A asistencia aos cafés-faladoiro das mañás no ambigú do Principal é libre sen necesidade de reserva até completar capacidade.

Compartir: