MOBILIDADE

O Goberno inicia os trámites para a licitación do transporte público

19/03/2024 A Xunta de Goberno deu hoxe o primeiro paso de cara a próxima licitación do servizo do transporte público, coa aprobación do estudo de custos do novo contrato. O informe será agora publicado na Plataforma de Contratación e despois dun prazo de exposición de vinte días será remitido á Oficina Nacional de Evaluación. Comeza así o procedemento para que Santiago teña unha nova rede de autobuses na que se introducirán importantes melloras, como a liña lanzadeira ao aeroporto, os buses nocturnos, o reforzo das conexións coas zonas empresariais, ou as liñas alimentadoras do rural.

A alcaldesa Goretti Sanmartín e o concelleiro de Mobilidade Xan Duro, acompañados do xerente de Tussa José Ramón Mosquera, deron conta en rolda de prensa das principais novidades da licitación do servizo de transporte público, un procedemento que comeza coa aprobación, nunha Xunta de Goberno extraordinaria celebrada esta mañá, do estudo de custos do contrato. A rexedora lembrou que o Goberno "tivo que suspender o procedemento de licitación iniciado no pasado mandato porque así o recomendaron os informes técnicos, e quixemos aproveitar esta circunstancia para introducir melloras atendendo ás demandas da veciñanza". Sanmartín mostrouse convencida de que "deste proceso saímos cuns pregos que reforzan o servizo, e que serán reflexo da aposta que queremos facer desde o Goberno por unha mobilidade máis sostible na que o transporte público xogue un papel fundamental". A rexedora lembrou que "falamos dunha concesión por 13 anos, e a nosa prioridade foi garantir que Compostela teña o mellor servizo non só no inmediato senón tamén dentro dunha década".

Estudo de custos e tarifas

O estudo de custos aprobado hoxe contempla unha licitación do servizo de transporte por un periodo de 13 anos, o mesmo prazo que estaba previsto na licitación iniciada no pasado mandato. O custo estimado do contrato sitúase en 286 millóns de euros, fronte aos 225 millóns da anterior licitación; e o importe base para a licitación fíxase en 137 millóns de euros, fronte aos 86 millóns contemplados no anterior procedemento.

O concelleiro de Mobilidade explicou que este incremento responde "tanto á actualización do anterior estudo de custos que os informes técnicos consideraron obsoleto e que fora obxecto de recursos diante do TacGal, como ás melloras introducidas nos pregos por este Goberno". Xan Duro salientou que "esta actualización dos custos non vai supoñer incrementos notables nas tarifas a abonar polas persoas usuarias, porque o Goberno vai aumentar a achega municipal ao contrato, que pasará dos 5 millóns de euros anuais previstos no pasado mandato a algo máis de 8 millóns de euros anuais". O edil incidiu en que "esta decisión é o resultado dunha clara aposta polo transporte público como servizo municipal fundamental, como piar dunha mobilidade máis sostible que é o modelo cara o que ten vontade de camiñar o Goberno, pero é tamén a directriz que nos marca Europa a través de normativas como as que teñen que ver coas Zonas de Baixas Emisións".

Incrementando a achega municipal ao servizo, explicou o concelleiro, "conseguimos que ainda que o estudo de custos fixe a tarifa de equilibrio do contrato en 1,75 euros, o prezo real do billete ordinario que paguen as persoas usuarias quede fixado en 1,25 euros, e que poidamos incluso rebaixar os prezos dalgunhas modalidades de bonos". Así, o prezo da viaxe co bono ordinario pasará dos 60 céntimos actuais a 0,56 euros; e no bono mensual pasará de 0,56 a 0,51 euros. O estudo tamén prevé unha tarifa específica para a liña de bus ao aeroporto, neste caso non bonificada, que será de 6 euros para o billete de ida e de 10 euros para o billete de ida e volta. En canto aos pensionistas, mantense a previsión da licitacion aprobada no pasado mandato, de maneira que haberá 100 viaxes gratuítos ao ano, e a partir de aí o prezo do billete será de 0,50 euros.

Renovación da flota e novas liñas

O concelleiro de Mobilidade explicou que o estudo de custos prevé a renovación da flota cun total de 67 autobuses, dos que 18 serán eléctricos e os demáis de cero emisións, atendendo ás obrigas derivadas das directivas europeas en materia de medio ambiente. Xan Duro lembrou que "teremos 18 autobuses máis que na actualidade, e tamén prevemos 9 vehículos máis que os anteriores pregos, un incremento que está motivado no reforzo das liñas e dos horarios". O edil apuntou que "se mantén unha simplificación do mapa de liñas actual, para evitar solapamentos de autobuses con percorridos coincidentes, de maneira que as 24 rutas actuais pasarán a 15, mais mellorando a cobertura territorial actual".

O estudo de custos contempla catro liñas novas que non existían na anterior licitación: a denominada liña Transantiago e as tres liñas alimentadoras do rural. A primeira delas é unha liña que irá desde o límite de Santiago co Milladoiro ata o límite de Santiago con Sigüeiro e que terá unha frecuencia de 30 minutos. Para Xan Duro, "este será un servizo moi beneficioso para Compostela, co que tratamos de evitar a entrada na nosa zona urbana de numerosos vehículos privados".

En canto ás liñas alimentadoras do rural, o concelleiro de Mobilidade explicou que o seu deseño "responde ao estudo encargado polo Goberno para mellorar a cobertura do transporte público nas parroquias mantendo o necesario equilibrio económico, habida conta de que o rural move un número limitado de usuarios e usuarias". Para iso, optouse por establecer circuítos unicamente nos núcleos do rural, establecendo puntos de conexión coas liñas da rede principal "de maneira que se precisan menos autobuses e menos persoal para atender estas liñas que se foran liñas completas desde as parroquias ata o centro urbano". A primeira das liñas alimentadoras cubrirá os lugares de Barciela, Busto, Nemenzo, Berdía, Marzo de Abaixo, Son, A Gracia e Bálsoma; a segunda irá por Santa Cristina de Fecha, Lamascal, San Xoán de Fecha, Brins e Pardaces; e a terceira daralle servizo ás parroquias de Marrozos e O Eixo. Prevese que cada liña teña 11 frecuencias diarias, e as súas usuarias terán dereito a dous transbordos gratuítos para poder completar as súas viaxes desde as parroquias ata o centro urbano.

Outras novidades

Ademais, mantense a liña lanzadeira ao aeoroporto que estaba prevista na anterior licitación, que conectará a terminal Rosalía de Castro coa intermodal pasando polo Palacio de Congresos, e que terá unha frecuencia de 30 minutos, desde as 7 da mañá ata as 24.30 horas. Tamén se reforza o servizo aos polígonos industriais, con diferentes liñas que atenden as áreas empresariais desde as 7 da mañá ata as 11 da noite.

Outra das novidades que non figuraban na anterior licitación tén que ver, precisamente, coa introdución do bus nocturno. Haberá, en concreto dúas liñas circulares, que cobren o traxecto de Fontiñas, Hospitais, Campus Sur, Vite e Campus Norte, e que de mércores a sábado farán servizos de once da noite a 5 da mañá, engadindo ademais unha parada na Praza de Galicia. A frecuencia establecida é de 60 minutos, pero ao tratarse de dúas liñas haberá buses cada 30 minutos, e a tarifa do billete nocturno será a mesma que a do billete ordinario.

O concelleiro de Mobilidade explicou que tras a publicación do estudo de custos na Plataforma de Contratación do Estado ábrese un prazo de 20 días para a presentación de alegacións, e a partir de aí a documentación poderá ser remitida á Oficina Nacional de Avaliación. Este organismo tén un prazo dun mes para informar, se ben este prazo pode alongarse se a ONE decide solicitar información complementaria.

Compartir: